Anpas denuncian o "dilema" entre "saúde e docencia" nas escolas

Aula fechada nun colexio após decretarse o confinamento domiciliario o pasado ano (Foto: Iván Terrón / Europa Press).
Seguen a medrar os casos de coronavirus nos centros de ensino da Galiza nunha situación na que as familias teñen unha única certeza: "Se fechan as escolas, o alumnado volverá perder moitas xornadas lectivas". Os colexios e institutos do país, aseguran, "non están preparados para impartir unha docencia telemática".

A permisividade do Goberno galego durante as festas do Nadal está a causar estragos tamén nos centros de ensino do país, que esta sexta feira alcanzaron os 3.639 casos activos da Covid, máis do triple que os rexistrados cando se retomaron as aulas a comezos de xaneiro.

As aulas fechadas, pola súa banda, ascenden a 160, ao tempo que oito escolas fican co cadeado posto. "As aulas son un lugar de risco, mais en menor medida que outros espazos, e por outra banda houbo un aumento xeralizado de positivos na sociedade", di Fernando Lacaci, presidente da Confederación de Anpas Galegas, en declaracións a Nós Diario.

Malia que a Xunta aínda non contempla esta opción, o aumento exponencial de casos podería provocar o feche das escolas, unha situación que deixaría o alumnado galego sen "alternativa" para continuar os estudos.

"Non se avanzou absolutamente nada estes dez meses para preparar ao profesorado e o alumnado para a docencia telemática", critica Lacaci, quen salienta que a meirande parte das estudantes que deben ficar na casa estes días "non recibiron ningunha docencia, só recolleron no campus virtual as tarefas e os deberes".

Rogelio Carballo, presidente da Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos (Confapa), coincide nesta cuestión: "O ensino dixital precisa dunha planificación, non consiste en enviar un PDF e sentar diante da cámara", expón.

Para el, parte da culpa recae "nalgúns docentes, por suposto non todos, que non están dispostos" a adaptarse ás circunstancias. "Temos que ser exixentes co persoal docente, cuxo labor é fundamental para a sociedade", argumenta.

Carballo di que as familias galegas son hoxe "prisioneiras dun dilema, saúde ou docencia", unha escolla "inxusta" na que o alumnado "sae perdendo en calquera caso". O presidente de Confapa lamenta que empresas privadas como a editorial Anaya, que puxo ao dispor de alumnas e docentes "recursos didácticos online de balde", asuman unha dixitalización "que corresponde ao sector público".

As infraestruturas precisan de investimentos pola súa "obsolescencia"

Unha das principais medidas de protección fronte aos contaxios é a ventilación das aulas, cuxas xanelas deben permanecer abertas, cando menos, quince minutos ao inicio e remate da xornada e 5 entre clase e clase.

En pleno inverno, é preciso manter a calefacción acesa para combater o frío: "Os edificios da rede de centros públicos non teñen calidade ningunha de fechamento e non se conserva a calor, son infraestruturas moi antigas que están obsoletas e non se reformaron para se adaptaren á situación", lamenta Rogelio Carballo, quen lembra que o regulamento exixe nas aulas unha temperatura de 22ºC, 55% de humidade e 5 renovacións de aire por hora.

"É preciso investir en sistemas de climatización que, malia seren caros, redundarán nunha maior eficiencia e unha redución de gastos a medio prazo", engade.