CASTIGAN A XUNTA CO PREMIO “WERTO”

As ANPA premian a loita da nai de Hadrián pola loita a favor da atención educativa hospitalaria

Premio Rosalía en defensa do ensino público

As ANPA da Costa da Morte decidiron premiar Nieves Vilar, a nai de Hadrián, o rapaz enfermo de leucemia ao que a Xunta privou de estudar na súa casa, co galardón en defensa do ensino público “Rosalía”. Ademais, castigaron Román Rodríguez co premio “Werto” contra o ensino público.

A malpicá Nieves Vilar vén de ser premiada co galardón “Rosalía” polo seu activismo a favor da inclusión do alumnado con enfermidades de longa duración e que, por razóns de saúde, non pode estudar nos centros de ensino ordinarios. O premio, concedido polas ANPA da Costa da Morte, recoñece o labor da nai de Hadrián, o rapaz con leucemia ao que a Xunta de Galiza lle negou a educación a domicilio.

Nieves Vilar afirma nun comunicado que a situación actual da atención educativa está caracterizada pola “desorganización” e polo “abandono”, ao non atender a obriga de darlles cobertura aos dereitos dos escolares enfermos. “Debe aprobarse unha normativa educativa cunha atribución de horas mínimas que despois se modularán en función das posibilidades físicas da enfermidade”, explica.

Ademais, as ANPA da Costa da Morte outorgáronlle o premio “Werto” contrario ao ensino público ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, por “negar o problema e condenar á desatención educativa todos os nenos e nenas galegas enfermas”. Tamén censuran as ANPA que o responsábel de Educación se negara a recibir Nieves Vilar.