Xustiza

Piden cinco anos para un ex banqueiro e empresario por estafar presuntamente 200.000 euros á nai dun amigo falecido

Sede da Audiencia Provincial da Coruña. (Foto: Google)
O home "urdiu unha trama" sustentada en supostos investimentos ficticios para atraer a atención da vítima para que traspasase os seus activos das contas nas que se atopaban a outras de empresas cuxo administrador único era o acusado.

O Ministerio Fiscal pide cinco anos e seis meses de cárcere para un home acusado de estafar máis de 200.000 euros a unha muller de 62 anos, á que prometeu utilizar os seus cartos para realizar investimentos servíndose dunha relación de amizade previa e da súa experiencia no mundo da banca. O caso procede do Xulgado de Instrución nº7 da Coruña e debía xulgarse esta segunda feira, 13 de marzo, na Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña; porén, a folga de letrados da Xustiza obrigou a suspender a vista por segunda vez.

Segundo recolle o escrito de Fiscalía, a vítima contactou a finais de 2016, após o falecemento do seu fillo, co acusado, que era amigo deste e que a asesorara previamente en temas financeiros, dado que contaba con experiencia laboral en entidades bancarias. Esta "confianza", xerada non só polas relacións persoais senón tamén pola "aparencia de profesionalidade" do acusado, fixo que a vítima se deixase guiar por el para a xestión dos seus activos financeiros.

Desta forma, explica a Fiscalía, o home "urdiu unha trama" sustentada en supostos investimentos ficticios para atraer a atención da vítima para que traspasase os seus activos das contas nas que se atopaban a outras de empresas cuxo administrador único era o acusado, e baixo a crenza de que ese diñeiro ía ser utilizado en investimentos rendíbeis e frutíferos que farían incrementar o patrimonio da muller.

Afirman que non foi así e que o fin único da trama era que o acusado fixese seu o diñeiro transferido ás súas contas por parte da vítima para utilizalo en proveito propio, posto que nin as sociedades por el creadas estaban autorizadas pola Comisión Nacional do Mercado de Valores para prestar servizos de investimento, nin el mesmo tiña actividade declarada no sector.

A muller, porén, transferiu en xaneiro de 2017 importantes cantidades de diñeiro á entidade Renta 4 Banco, confiando a partir de aí o destino dos seus investimentos no acusado. Desde a conta da vítima transferíronse os cartos en diversas ocasións a outra conta do Banco Sabadell, titularidade da empresa Investiment Line Gestión Patrimonial SL (anteriormente Jumprexos SL), cuxo administrador único é o acusado, 190.000 euros en xullo de 2017, 20.000 euros en marzo de 2018, 10.000 euros en xuño do mesmo ano e outros 10.000 ao mes seguinte.

O acusado utilizou estas cantidades para comprar un vehículo Porsche modelo Boxter, alén de retirar en efectivo 9.000 euros sen que conste xustificado o seu destino. Aliás, no momento dos feitos o acusado mantiña unha relación cunha muller que rexentaba un centro de estética/barbaría, local que era a actividade dunha sociedade da que tamén era administradora única.

Consta como o acusado realizou varias transferencias a favor do negocio antes mencionado e que por tanto redundaron en beneficio da muller, de quen non consta a súa participación nos feitos e a favor da que se ditou auto de sobresemento provisional. Concretamente, dispuxo de 18.576,75 euros a favor do anterior negocio por gastos de alugueiro e de iluminación.

O acusado entregou á muller o vehículo Porsche como devolución parcial das cantidades, procedendo a mesma á súa venda e obtendo a cantidade de 33.850 euros ao ter que facer fronte a cargas que pesaban sobre o mesmo. Por todo iso, a Fiscalía considera que os feitos constitúen un delito continuado de estafa, polo que sinalan que procede impor unha pena de cinco anos e seis meses de cárcere e 12 meses de multa a razón de 20 euros diarios con responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento e costas.

No que atinxe á responsabilidade civil, solicitan que o acusado indemnice á vítima con 196.150 euros polas cantidades detraídas e non devoltas. Ademais, a parella do acusado indemnizará conxunta e solidariamente como partícipe a título lucrativo á vítima na cantidade recibida para proveito propio de 18.576,75 euros.