Sete anos, 350 números e un diario no horizonte próximo

[Imaxe: Alberte Mera] Presentación das liñas de deseño e xornalísticas de Nós Diario

“Pontevedra, a mudanza posíbel” era o titular que recollía o número 1 do semanario en papel Sermos Galiza, que chegaba ás rúas o 8 de xuño de 2012. Sete anos despois, suma 350 números coa ollada posta en Nós Diario, o novo medio que prepara Sermos Galiza S.A. en soporte dixital e en papel.

“Hai que encamiñarse logo á fundación e maior circulación posíbel dun xornal que sexa galego desde o título até o derradeiro anuncio”. Era a recomendación do filósofo García Branco nun tratado en defensa da lingua que asinaba en 1912. Cen anos após, Sermos Galiza S.A. facíase cargo da encomenda e daba a luz o diario dixital e o semanario en papel, que suma coa presente edición 350 números. O 26 de abril de 2012 Galiza vía nacer o novo medio dixital e o 8 de xuño o galego regresaba aos quiosques da man do semanario.

Pasaron sete anos e Sermos Galiza S.A. dá o paso definitivo para facer realidade unha arela compartida durante anos: un diario en papel en galego, Nós Diario. O medio, cuxas liñas de deseño gráfico e xornalísticas déronse a coñecer nun acto o pasado 4 de maio en Compostela, nace pegado á vangarda ao apostar no multisoporte. O xornalismo do futuro, advirten as persoas especialistas, pasa por alimentar as potencialidades do soporte papel e do soporte dixital. Un xornalismo multiplataforma pensado na Galiza do mañá, cos pés na terra, que contribúa ao desenvolvemento e transformación económica e social da realidade galega.

O futuro tamén vén determinado polo sistema de financiamento de Nós Diario, que incorporará un Sermos Galiza remozado como suplemento de fin de semana. O novo medio nacerá con forza polas máis de 3000 subscricións –abertas a quen desexe ampliar o apoio social do medio para que emerxa con máis impulso– que converteron en realidade o proxecto. A pluralidade e os milleiros de mans que construirán Nós Diario son o pasaporte para lograr un medio incorruptíbel, honesto e independente dos grandes poderes. Un xornalismo socialmente responsábel, con información baseada en fontes fidedignas e que non dirixirá as lectoras e lectores, senón que contribuirá a que sexan elas quen conformen a súa opinión en base á obxectividade e ao contraste.

Características

Nós Diario verá a luz en papel, cun número cero, antes de que conclúa o ano e a partir do 2 de xaneiro de 2020 sairá de maneira periódica de terzas a sábado, día en que o acompañará, como suplemento fin de semana, un Sermos Galiza renovado. O diario dixital editarase os 365 días do ano para prestar información de proximidade a un público de pensamento aberto, actual e implicado que non ve satisfeitas as súas ideas de avance social na prensa convencional.

Nós Diario estruturarase en catro grandes módulos de información (Galiza, Economía e traballo; Internacional e Cultura e axenda) e contará con tres seccións de ruptura (Opinión, En foco e Última, que cada día recollerá o editorial). En Galiza incluirá política (Parlamento, Xunta, actividade dos partidos, relación Xunta-Estado, novas do norte de Portugal e do Bierzo ou do occidente de Asturias, dereitos e liberdades civís, xustiza…); medio ambiente (ecoloxismo, cambio climático, polución, urbanismo, medio rural, medio mariño, natureza…); feminismos (sexualidade, loitas, violencia de xénero, familia…); sanidade; lingua; ensino; mobilidade (tráfico, transporte público e infraestruturas…).

En Economía e traballo incorporará iniciativas pioneiras, enerxía, vivenda, servizos, turismo, economías alternativas, desemprego, desigualdade, pobreza, fisco, emigración e inmigración… Internacional atenderá a contorna política da lusofonía, do Estado español, da Unión Europea e de América; e Cultura e axenda atenderá teatro, literatura, música, tecnoloxía, robótica, internet, intelixencia artificial, comunicacións e telecomunicacións, arquitectura, danza, ciencias, escultura, cine, tradición, festas, oficios, gastronomía, televisión, deseño, moda, comunicación, eventos…

O futuro do xornalismo galego, centrado na Galiza, pasa por Nós.