Paramos

Un ano da explosión que conmocionou Tui

Homenaxe en Paramos [Imaxe: @montseprado]

Centos de veciñas e veciños de Tui participaron na parroquia de Paramos dunha emotiva homenaxe ás dúas persoas falecidas hai un ano na explosión dunha pirotecnia ilegal.

Fai un ano da explosión da pirotecnia ilegal na parroquia de Paramos, en Tui, que acabou coa vida de dúas persoas e deixou 37 feridas e numerosas desfeitas en vivendas e leiras. Centos de veciñas e veciños congregáronse esta tarde para homenaxear as persoas falecidas e feridas nun acto amenizado coa interpretación de varias pezas musicais e que arrincou á mesma hora en que hai un ano se producira a explosión, ás 16.23 horas.

O presidente da Asociación de Afectados Paramos- Guillarei, Salvador García, leu un manifesto no que lembrou o horror vivido pola veciñanza naquel 23 de maio de 2018. García puxo en valor a creación desta plataforma e as manifestacións e reunións levadas a cabo coas administracións reivindicando os seus xustos dereitos após as perdas persoais e materiais.

En nome das persoas afectadas, García agradeceu o apoio e solidariedade recibidas desde o día da explosión

En nome das persoas afectadas, García agradeceu o apoio e solidariedade recibidas desde o día da explosión, xa que permitiu o inicio da reconstrución da zona; e anunciou que a plataforma permanecerá unida en loita co obxectivo de que Paramos rexurda.

O vicepresidente da Comunidade Islámica de Tui, Nouredin, leu o mesmo manifesto en árabe, a lingua materna da parella falecida.

Ao remate do acto, colocouse unha coroa de flores no lugar da explosión e plantouse un carballo como recordo da traxedia, das vítimas e da solidariedade recibida.

Desde a Asociación de Afectados de Paramos-Guillarei anunciouse que recorrerán a resolución xudicial

O propietario da pirotecnia La Gallega, Francisco G. L., é a única persoa investigada polos feitos como suposto responsábel do galpón onde se produciu a explosión. Após o descubrimento de 1.800 quilos de material explosivo noutros dous almacéns ilegais da súa propiedade decretouse prisión sen fianza.

O pasado mes de marzo, o Xulgado de Instrución número 1 de Tui acordou a posta en liberdade provisoria de Francisco G. L. ao asegurar que non se reunían "os presupostos legais" para mantelo en prisión. Mentres, desde a Asociación de Afectados de Paramos-Guillarei anunciouse que recorrerán a resolución xudicial.