En Marea reclama a declaración de zona catastrófica

Centos de persoas piden solucións urxentes para as afectadas de Tui

[Imaxe: En Marea]

A praza de San Fernando, en Tui, acolleu na tarde do sábado, día 10, unha concentración en que participaron centos de persoas que reclamaron solucións e axudas urxentes para as afectadas e os afectados da explosión pirotécnica. En Marea pide a declaración de zona catastrófica.

Centos de persoas concentráronse na tarde do sábado, día 10, na praza de San Fernando, en Tui, para reclamaran axudas e solucións inmediatas para as afectadas e afectados pola explosión pirotécnica do 23 de maio. E é que as prexudicadas e prexudicados denuncian atrasos nas axudas e piden o incremento das contías, atención psicolóxica continuada e a implicación de todas as administracións ao mesmo nivel.

 

As veciñas e veciños afectados emprazan as compañías de seguros a non poñerlles máis obstáculos e esixen máis axilidade co fin de poder accederen ás súas vivendas. Estímase que hai perto de 800 prexudicadas e prexudicados e rexistráronse 37 feridas e feridos. Hai 31 casas derruídas, 86 vivendas coas súas estruturas afectadas e 311, danadas. Tamén hai 66 carros inutilizados.

 

Zona catastrófica

 

O portavoz de En Marea, Luís Villares, que estivo presente na concentración da tarde do sábado, insiste en reclamar que se sufrague o cento por cento do valor das vivendas e dos enxovais destruídos pola explosión; a posta en marcha da axuda psicolóxica e a declaración de zona catastrófica para a contorna de Paramos.

 

Aliás, En Marea esixe a posta en marcha do plan de catástrofes para o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, toda vez que non foi utilizado coas vítimas de Tui, informa o partido dirixido por Luís Villares. En Marea tamén reclama uns procedementos administrativos máis fluídos, en que os custos corran por conta da Administración e que teñan prazos de reclamación de sesenta días, así como unha oficina de reclamación que acolla o gabinete técnico e xurídico e unha bolsa de empresas colaboradoras que agrupe compañías que presten axuda ás afectadas.