'Aninovos', 'Anibóns' ou 'Xaneiras': así principia o ano na tradición galega
O 1 de xaneiro e o principio do ano están acompañados de toda unha serie de rituais e tradicións na Galiza, como ás ‘cédulas’ ou o ‘lume novo’.
O primeiro día de ano é tamén día de cantar panxoliñas, nesta data chamadas aninovos, anibóns ou xaneiras (este último, o nome que recibían en Arbnoia, comarca ddo Ribeiro], a cambio do aguinaldo que se lles ha entregar ós cantores. “Ano novo con ben veñas,/ como o sol entre as estrelas,/ os cabritos coas cabras/ e os años coas ovellas” ou “Ano novo aí nos vén,/ Dios nolo traia con ben,/ Dios nos dea tantas ovellas/ como no ceo hai estrellas”, eran algunhas das coplas que se cantaban o 1 de xaneiro.
Segundo recolle a galipedia, ao estar este día, 1 de xaneiro, dedicado aos Manueis, cantan ás persoas con este nome unhas coplas especiais, chamadas precisamente ‘manueis’, ás que o protagonista responde invitando a todos a unha rolda de viño.
“Outros etnógrafos matizan este costume no sentido de que eran os casados no ano anterior os que ían percorrendo durante a noite as casas dos que se chamaban Manuel, cantándolles coplas e celebrando con eles o novo ano con viño ou augardente. Os manueis remataban uníndose ó grupo e continuando a rolda de casa en casa ata a madrugada do aninovo”.
“En aninovo ou, noutros sitios, o día anterior, celebrábase o rito das Cédulas, que en Verín recibía o nome de estrechos ou estrechas. Consiste en xuntarse mozos e mozas nun fiadeiro ou no adro da igrexa, ao redor do lume novo, para realizar un sorteo para emparellar os mozos e mozas do lugar: colocaban nun bote papeis cos nomes deles e noutro cos nomes delas e sacaban alternativamente un papel de cada bote para formar as parellas”.
Outra tradición da época de Fin de Ano e Aninovo é a do lume novo, unha fogueira que se prende o día 1 de xaneiro “como arranque do ano”. Segundo explica o antropólogo Rafael Quintiá, este rito ten que ver co tizón de Nadal, que se acende en Noiteboa na lareira do fogar e cuxas as brasas se manteñen até o comezo do seguinte ano, como símbolo de destrución do vello para dar paso ao novo.
De feito, nalgúns lugares o tizón de Nadal tamén se denomina lume novo. “A Igrexa levou [este rito] á esfera do cristianismo e volve facer o lume novo o venres santo nas portas das igrexas”, engade Quintiá.

