Animalistas lamentan o "noxento" uso de dromedarios na cabalgata de Ourense

Polémica cabalgata de Ourense con dromedarios. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Desde Franz Weber volven instar a Xunta a prohibir estes "mal chamados" espectáculos.

A Fundación Franz Weber (FFW) cualificou esta sexta feira de "noxenta" a utilización de dromedarios durante a cabalgata dos Reis Magos, que percorreron a cidade de Ourense a lombos destes animais.

A asociación animalista xa puxera marcha o pasado mes de novembro unha petición en Change.org que alcanzou as 77.000 sinaturas para impedir o uso de animais silvestres nos desfiles e que contaba co apoio de 600 veterinarios da Asociación de Veterinarios Abolicionistas da Tauromaquia e dos Malos tratos Animais (Avatma).

Así, denuncian a través dun comunicado que a pesar de advertir "por activa e por pasiva" que esta utilización só contribúe a ridiculizar a realidade dos animais, estes empregáronse igualmente, o que os reduce a "obxectos de consumo".

Ademais, criticaron o desprazamento duns animais cuxo hábitat orixinal está a miles de quilómetros da cidade de Ourense, mentres outros municipios apostan por prescindir destes exemplares nas cabalgatas.

O Goberno ourensán fora tamén criticado por alugar renos para tirar do trineo de Papá Noel o pasado 21 de decembro, cun custo de 13.195 euros, namentres nos dromedarios que percorreron esta quinta feira as rúas gastou 18.143.

Por todo isto, a FFW apelou unha vez máis á Xunta para prohibir estes "mal chamados" espectáculos e demandou unha escoita activa ás maiorías sociais que urxen deixar atrás a utilización de animais como "complemento" de programacións públicas.

Cómpre lembrar, con todo, que non só Ourense botou man de animais vivos no seu desfile, pois tamén en Moaña, no Morrazo, empregáronse camelos para transportar os Reis Magos, cuestión que xa criticaran previamente desde Franz Weber.