Andaina veciñal contra o “megaparque” eólico en Bergantiños e Xallas

Foto: @AntonSanchezG

Máis dun cento de persoas percorren os 10 km entre Vilela de Entrecruces (Carballo) e a Fervanza de Castriz (Santa Comba) para defender o medio rural fronte a un proxecto “depredador”.

Máis dun cento de persoas tomaron parte este domingo na andaina convocada pola plataforma 'Non eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural' para mostrar o rexeitamento ao “megaparque” eólico que se vai construír en Bergantiños e Xallas. Numerosas persoas agardaban os camiñantes no punto de chegada, na Fervenza de Castriz, en Santa Comba, para tomar parte nun xantar popular e actividades culturais e reivindicativas. Até chegar aí, as e os camiñantes tiveron que percorrer os dez quilómeros que hai desde Vilela de Entrecruces, en Carballo.

É o segundo ano que se convoca esta marcha, que pretende dar visibilidade á loita veciñal contra os proxectos de construír parques eólicos en Bustelo, Campelo e Monte Toural. Tres proxectos, denuncian, que é un mesmo “megaparte” que se 'trocea' para salvar trabas administrativas e de control. Alertan, ademais, de que é un proxecto que traerá prexuízos e consecuencias negativas para a economía agrogandeira e o medio ambiente.

Nesta iniciativa colaboraron tamén diferentes colectivos da comarca, como a Asociación Cultural e Veciñal A Fonte Salgueira, Regueifeiras Patateiras de Coristanco, Asociación de Mulleres Rurais Airiños do Xallas e tamén o concello de Santa Comba xunto con Protección Civil dese mesmo concello. A oposición a estes plans eólicos ten o respaldo do diversas institucións, como o Concello de Santa Comba, que aprobou por unanimidade ao 'megaparque'.