Tamén na Capela haberá catro roteiros o domingo

Andaina contra a "colonización eólica" de Celanova este sábado

Ao fondo da imaxe, os aeroxeradores do parque eólico O Vieiro, en funcionamento desde 2009 (Foto: Nós Diario).
A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova organiza este sábado un roteiro polo Monte da Neve para concienciar a cidadanía sobre o valor deste espazo natural, onde a enerxética alemá Baywa prevé erguer un parque eólico de sete turbinas que se sumarían ás 19 xa en funcionamento do parque O Vieiro.

A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova organiza este sábado unha marcha "en defensa da auga, a paisaxe e o patrimonio" da Casa da Neve, lugar no que a empresa alemá Baywa prevé construír un parque eólico de sete aeroxeradores e unha potencia total de 42 megawatts (MW). A esta infraestrutura cumpriría engadir os 19 muíños do parque O Vieiro —Iberdrola—, en funcionamento desde 2009, e os doce que Greenalia está a tramitar co nome de Fonsanta.

"Entendemos estes proxectos como un macroparque que non valoraría o efecto sinérxico e acumulativo de todas as turbinas", sinalan a Nós Diario desde a plataforma, que tamén advirten que os muíños ficarían a "apenas tres quilómetros" dos cascos urbanos de Bande e Celanova, e serían visíbeis "desde os nove Bens de Interese Cultural (BIC) que ten Celanova. "O monte da Neve preside o horizonte da vila, e o impacto paisaxístico destes eólicos sería terríbel", engaden.

Por outra banda, o colectivo pon o foco en que a lei de Baviera (Alemaña), de onde é orixinaria Baywa, indica que a distancia entre un aeroxerador e a vivenda máis próxima debe ser dez veces a altura do mesmo; no Estado español, apenas 500 metros. "Hai aldeas que quedarían a 600 metros. É un claro exercicio de colonización, úsannos como terra de sacrificio porque no seu país a lei é máis estrita", critican.

O documento de inicio presentado pola enerxética alemá, salientan, "non valora o efecto discoteca que provocarían os muíños, nin hai tampouco un estudo axeitado do impacto sobre o patrimonio cultural e o natural".

Parques eólicos no Xurés

A plataforma tamén alerta sobre o proxecto, xa en fase de tramitación, da liña de alta tensión (LAT) que percorrería os municipios de Baltar, Calvos de Randín e Muíños até desembocar na subestación de Salas.

"Trátase de dous proxectos eólicos que aínda descoñecemos pero que datan de 2012. Con todo, a LAT xa foi sometida a exposición pública, e o cableado atravesaría o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Por iso decidimos abrir a plataforma á cidadanía desa zona", explican.

"Silencio cómplice" das administracións

As mesmas fontes da plataforma lamentan o "silencio cómplice" dos concellos involucrados —Celanova e Verea— e mais da Xunta da Galiza: "Non se facilita ningunha información á veciñanza, que descoñece que nun radio de tres quilómetros do parque eólico as casas poden perder até 50% do seu valor.

"O Goberno local de Celanova dixo que presentara alegacións contra o proxecto, mais finalmente descubrimos que só pediran desprazar uns metros algúns aeroxeradores. E o Concello de Verea xa se posicionou a favor. Ademais, as comunidades de montes xa negociaron tempo atrás coa empresa a venda dos terreos co coñecemento dos alcaldes", aseguran desde Stop Eólicos.

Aliás, lembran que un informe recente feito por un equipo de arqueólogos achou indicios de que no emprazamento das futuras turbinas eólicas estarían os restos da Casa Grande da familia de San Rosendo e as Torres de Belvís, o xermolo do actual mosteiro de Celanova e da propia fundación da vila.

"O Concello negouse a facelo público e promover unha prospección como a que veñen de facer no Monte do Gato, porque isto podería paralizar o proxecto", din.

Catro roteiros na Capela para protestar contra a "invasión eólica do rural"

Unha quincena de colectivos ecoloxistas e veciñais convidan este domingo a participar nos catro roteiros que partirán de Cabanas, A Capela, Monfero e Pontedeume até alcanzar o alto do Caaveiro, a modo de protesta contra a "invasión eólica". "Non se trata só dos parques eólicos que nos afectan a nós —Caaveiro e Tesouro—, senón que pretendemos trasladar ás cidades a problemática que temos no rural", explica a Nós Diario o portavoz da plataforma A Capela di Non, Adrián Meizoso.

Salienta que se trata de "moitos parques fragmentados" nas comarcas do Eume, Ferrolterra e Ortegal, e que as empresas promotoras "non están a avaliar o efecto acumulativo de tantos muíños no tocante ao ruído, os danos á biodiversidade e ás augas...".

Aliás, lamenta a "falta de transparencia" por parte dos concellos implicados: "Na Capela pedimos ao Concello que solicitase os informes pertinentes a Augas da Galiza, o Banco Europeo de Investimentos e outros organismos, e que se posicionase en contra destes proxectos eólicos, mais só conseguimos que os rexeitasen 'tal e como están redactados'".

Neste senso, critica a "dobre vara de medir"  da Administración no que atinxe ao patrimonio natural, xa que "as empresas semellan poder facer o que queiran".