Medio Ambiente

O "polígono eólico" dos Ancares: 50 aeroxeradores con 231 MW autorizados e outro tanto en tramitación

Detalle das poligonais dos proxectos eólicos Serra do Furco, Serra do Colmo, Serra da Piñeira, Chao do Marco, Restelo, Monteiro, Serra do Punago, Navallos, Reboiro e Serra da Lagoa. (Infografía: Ecoloxistas en Acción)
"Na tramitación ambiental non se avaliaron adecuadamente os impactos acumulados do conxunto dos proxectos eólicos previstos, que son aqueles que ocorren con tanta frecuencia en tempo ou en forma tan densa no espazo, que non poden ser asimilados ou combinados con outros efectos ou outras actividades dunha maneira sinerxética", advirte Ecoloxistas en Acción, que urxe a paralización destes proxectos.

O forte empurrón que a Administración galega deu nos últimos meses aos proxectos de enerxías renovábeis sitúa nos Ancares até sete novos parques eólicos, algúns deles ocupando tamén territorio do Corgo e Castroverde, na limítrofe comarca de Lugo, e outros concellos lindeiros das comarcas de Meira e Sarria. Así, nos últimos meses foron autorizadas catro iniciativas de Enel Green Power que suman 23 aeroxeradores cunha potencia total instalada de 131 megawatts (MW): Serra da Piñeira —seis muíños e 35 MW—, Serra do Colmo —4 e 20 MW—, Serra do Furco —5 e 28 MW— e Chao do Marco —8 e 48 MW—.

Todas estas turbinas eólicas situaríanse nun emprazamento moi próximo e, tal e como sinala a través dun comunicado Ecoloxistas en Acción, as súas áreas poligonais solápanse entre si. E a estes proxectos habería que sumar os veciños Serra do Punago, promovido por Acciona —oito muíños e 23,2 MW—; Serra da Lagoa, de Enerxías Renovables de Galicia S.A., vinculada ao grupo construtor San José —dez e 27,9 MW—, e Reboiro, de Green Capital Power —nove e 49,5 MW—.

Un total de 50 aeroxeradores que sumarían unha potencia instalada de 231,6 MW; ou, o que é o mesmo, arredor de 5% da potencia eólica da que xa dispón Galiza no seu conxunto. E a estes sete parques aínda poderían sumarse outros catro no mesmo emprazamento que están actualmente en fase de tramitación. Son os denominados Navallos, tamén de Enel —catro muíños e 13,5 MW—, e mais outros tres de Greenalia: Restelo —nove turbinas e 42 MW— e Monteiro —oito e 33,6 MW—, xestionados a través da Xunta, e Levante —19 e 106,4 MW—, de competencia estatal.

De aprobárense todos estes proxectos eólicos, de Baralla a Láncara, pasando por Becerreá, O Corgo ou Castroverde, situaríanse un total de 90 muíños cunha potencia de 427,1 MW, é dicir, máis de 10% do que xa está actualmente operativo en todo o país. "A Xunta da Galiza converte os Ancares nun gran polígono industrial eólico", denuncian os Ecoloxistas.

Desde este colectivo fan alusión a supostos casos de "indebida fragmentación" de proxectos eólicos, cuestión que levou recentemente o TSXG a tombar os parques de Greenalia Bustelo e Campelo. "Na tramitación ambiental non se avaliaron adecuadamente os impactos acumulados do conxunto dos proxectos eólicos previstos, que son aqueles que ocorren con tanta frecuencia en tempo ou en forma tan densa no espazo, que non poden ser asimilados ou combinados con outros efectos ou outras actividades dunha maneira sinerxética", aseguran.

Salientan, aliás, que os aeroxeradores se erguerían nunha área xeográfica "cun alto nivel de ocupación polos parques xa instalados e en tramitación, e lindeira con outras áreas de desenvolvemento eólico (ADE) tamén cunha alta ocupación". "Do anterior determinase que se xerará un efecto sinérxico e acumulativo de impactos, principalmente de tipo baleiro e/ou barreira sobre a avifauna, incompatíbel coas necesidades destas poboacións", subliñan.

Así, e á vista "dos antecedentes, da análise da documentación e dos datos de campo", Ecoloxistas en Acción considera que o efecto sinérxico e acumulado sobre a avifauna e os quirópteros "sería un impacto ambiental crítico", polo que demanda un informe ambiental desfavorábel para que estes proxectos non sexan autorizados polo Goberno galego.