ANABAD-Galiza propón solucións ao peche da sala de lectura de Bankia en Compostela

A asociación de arquiveir@s pensa que o concello podería chegar a un acordo coa entidade bancaria e evitar o seu peche.

O peche da Sala de Lectura de Bankia (Caja Madrid) en Compostela antes do fin de xuño, tal e como anunciamos en Sermos Galiza, provocou a reacción de ANABAD-Galiza que se manifestou contraria a tan drástica medida. Xa no mes de novembro anunciaron o seu rexeitamento aos recortes nas administracións públicas. Agora reafirman a súa total disconformidade cos peches previstos polas empresas privadas como é o caso da Obra Social de Caja Madrid, hoxe en día Bankia. Para ANABAD-Galiza o servizo da única instalación social desta entidade financeira na Galiza presta un servizo "imprescindíbel" e é "un referente bibliotecario na cidade, ofrecendo actividades para todas as idades e cedendo o seu espazo a outras asociacións e entidades que puderon facer uso desta biblioteca". Por iso desde esta asociación propoñen unha solución que podería salvar a situación.

Desde a asociación de arquiveir@s apostan por "algún acordo ou convenio coas administracións públicas"

Petición ao concello
Desde a asociación de arquiveir@s apostan por "algún acordo ou convenio coas administracións públicas". lembran que outro equipamento semellante, a Biblioteca Nova 33 da obra social de Novacaixagalicia, conta cun acordo co Concello de Santiago e forma parte do centro sociocultural do Ensanche. Segundo ANABAD-Galiza o peche da biblioteca deixaría "orfa unha boa parte da cidadanía, ademais de deixar o casco histórico sen un referente cultural".