Bankia eliminará o seu espazo de lectura en xuño

Sala de lectura de Caja Madrid
A primeira vítima do polémico banco será o seu único centro social en Galiza. O rescate do goberno de Rajoy por valor de máis de 7.000 millóns de euros non impedirá o feche

“Agardamos por un comunicado oficial mais o feche será antes do 30 de xuño”. Así de concluínte foi a directora da Sala de lectura de Caja Madrid, hoxe Bankia, despois de ser consultada polo posíbel encerramento da instalación social. O denominado Espazo de lectura pola obra social da Fundación Caja Madrid leva máis de dez anos en funcionamento no Pazo de Fondevila, un fermoso edificio barroco construído a mediados do  século XVIII por Clemente Fernández Sarela. Catro salas de lectura con capacidade para 84 persoas, nove postos informáticos, oito postos para discapacitados e unha sala de traballo para 12 persoas serán as perdas que asumirá a cidade de Compostela, en pouco tempo, coa eliminación deste equipamento.

Usuarias consultadas non entenden que se elimine este equipamento

Sen actividades
Embora na web da Fundación , a día de hoxe, aínda figuren os horarios en que se realizan as actividades, a Sala de Lectura reduciunas ao mínimo nos últimos meses. “Xa non hai actividades infantís e o clube de lectura xa non se reunirá máis”, informou a directora do equipamento. Usuarias consultadas non entenden que se elimine este equipamento polo servizo que presta “sobre todo en época de exames”. O concello de Santiago aínda non fixo declaracións ao respecto como si fixeron outras cidades onde están a perigar outras bibliotecas da mesma entidade, como é o caso de Alcalá de Henares ou Ciudad Real. Bankia ten previsto fechar en pouco tempo 35 bibliotecas da súa rede social.