O nacionalismo reúnese co sector servizos

Ana Pontón urxe un plan de rescate integral da hostalaría

Imaxe da xuntanza de Ana Pontón cos hostaleiros. (Foto: Nós Diario)
A líder da oposición reuniuse con representantes do sector da hostalaría e do turismo para abordar a súa problematica ante as restricións derivadas dos protocolos contra a Covid-19.

Na mañá desta quinta feira, a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, reuniuse cunha representación do sector da hostalaría e, logo de escoitar as súas demandas, reclamou un "plan de rescate integral e realista", porque están "contra as cordas", afirmou.

Ana Pontón lembrou que hai "unha acumulación" da situación derivada da Covid-19 que significa que "a inmensa maioría dos casos ten cero ingresos", non obstante, "as facturas non están confinadas", advertiu a portavoz do BNG.

Para a líder da oposición é precisa unha acción “operativa canto antes" para "non verse abocados ao fechamento definitivo". Na reunión, o sector falou dun mínimo de 30 millóns de euros con axudas directas para compensar os feches. 

Ademais, o BNG pide actuar no eido fiscal e diríxelle a petición, neste sentido, ao Goberno español, responsábel de impostos como o IVE (Imposto sobre o Valor Engadido).

Así, reclama que se aplique unha redución para o sector, que poidan adiar o pagamento de tributos como o IRPF (Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas), quitas para o traballo por conta propia nas cotas da Seguridade Social e negociar coas entidades bancarias o adiamento de créditos, entre outras medidas.

"Son tempos moi complicados para o conxunto da actividade económica e, en particular, para as afectadas de cheo na pandemia", apuntou Ana Pontón, que lembrou que houbo diñeiro para o rescate da banca con fondos públicos, máis de 9.000 millóns de euros, polo que "rescatar sectores como a hostalaría e o turismo debe de ser prioridade".

Reclaman que se actúe de maneira áxil e coordinada

A deputada nacionalista recordou tamén que noutros lugares do Estado español se estabeleceron liñas de axudas directas para as persoas autónomas. "Non é que non poidan pagar as facturas dos seus negocios", sinalou, é que "non poden pagar as facturas da súa casa". E neste sentido,  quixo lembrar que hai datos "moi contundentes" que revelan que se perderon 10.000 postos de traballo desde o inicio da pandemia.

Ademais, Pontón advertiu de que o sector xa indicou que as axudas para o rescate da hostalaría "deixan fóra 75% dos locais", polo que pediu actuar "de maneira áxil e coordinada".