BNG e PSOE piden máis axudas para a hostalaría no Parlamento

Unanimidade en adoptar achegas directas a fondo perdido para este sector nunha proposta non de lei presentada polo PSOE e que serviu para que a oposición exixira apoiar con máis contundencia ás autónomas e autónomos. 
O deputado socialista Juan Carlos Francisco (Nós Diario)
photo_camera O deputado socialista Juan Carlos Francisco (Nós Diario)

O Parlamento aprobou esta cuarta feira por unanimidade a proposta non de lei do Grupo Socialista para exixir ao Goberno galego que adopte un "plan inmediato, áxil e eficaz" de axudas directas a fondo perdido para paliar os estragos económicos da Covid-19 no sector da hostalaría.

O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, demandou "unha reacción cun plan económico similar ao que están a levar a cabo Euskadi e Murcia, que destinarán 45 e 38 millóns euros" ao sector respectivamente.

Así, reclamou á Xunta que "empregue toda a súa capacidade de gasto público e de endebedamento" para "rescatar o sector". Ademais, lamentou que os "12 ou 15 millóns de euros anunciados polo Goberno galego son insuficientes e ridículos para paliar as consecuencias dun fechamento que afecta 12.800 negocios". 

Desde o BNG, a deputada María do Carme González salientou que "logo de oito meses, a Xunta fai o primeiro anuncio de axuda" cando "hai agora 7% menos de autónomas e autónomos" e no momento en que "noutros territorios si houbo axudas".

Denuncian que "a Xunta actúa mal e improvisando" cando o sector viu "reducidos os seus ingresos e esa situación límite leva moitas familias á exclusión social", até o punto de que "non poden pagar a auga, a luz nin a comida".

Por este motivo defendeu "tecer unha rede de protección cunhas axudas directas" nun sector no que "unha parte son mulleres e outra teñen máis de 50 anos polo que amosan unha inserción difícil". 

Aínda que presentaron unha emenda que non foi aceptada polo autor da iniciativa, o PP apoiou a proposición de lei. O seu portavoz de Turismo, Borja Verea, afirmou que "diante de situacións de fechamento obrigatorio dos locais de hostalaría", a única saída son "solucións de rescate".

Comentarios