Ana Pontón exixe á Xunta que deixe de "pór en perigo o futuro da ría de Muros e Noia"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na manifestación deste sábado en Noia. (Foto: Nós Diario)
A portavoz nacional do BNG participou este sábado na manifestación convocada en Noia contra a autorización da vertedura de residuos da mina de San Finx (Lousame).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este sábado en Noia na manifestación contra o vertido de catro millóns de metros cúbicos de augas residuais da mina de San Finx (Lousame) autorizado polo Goberno do PP, que “pon en risco un dos ecosistemas máis ricos de Galiza e o futuro de 5.000 postos de traballo directos no marisqueo e na pesca de baixura na Ría de Muros-Noia”.

“Estamos nesta mobilización ao lado de todas as familias que viven do mar na Ría de Muros-Noia, ao lado de toda a veciñanza desta comarca, para dicirlle ao Goberno do PP que basta xa de xogar co pan e co futuro da xente do mar, basta xa de colocar os intereses dunha multinacional que opera desde paraísos fiscais por riba dos intereses de miles de familias que viven da pesca e do marisqueo nesta ría”, salientou a líder do BNG.

Pontón demandou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que rectifique a autorización dun vertido que é unha “bomba ambiental de consecuencias desastrosas para toda unha comarca”, pois o impacto afectaría á xente que vive do mar pero tamén a todos os sectores económicos da zona que, directa ou indirectamente, dependen da preservación do ecosistema da Ría Muros-Noia, como o sector da hostalería, restauración, comercio ou turismo.

5.000 postos de traballo en perigo

“Nun lado da balanza temos 5.000 postos de traballo directos no marisqueo e na pesca de baixura vinculados ás confrarías de Noia, Porto do Son, Portosín e Muros, un ecosistema produtivo único e o futuro de toda unha comarca”, explicou Pontón. “Do outro lado da balanza, os intereses particulares dunha multinacional mineira australiana que opera desde paraísos fiscais, disposta a aproveitarse da nosa riqueza. E de que lado se pon o Goberno do PP? Unha vez máis en contra da maioría social, autorizando o vertido”, denunciou a portavoz nacionalista.

O vertido asinado polo Executivo galego permite á multinacional australiana propietaria da mina de San Finx verter en dúas fases un total de catro millóns de metros cúbicos de auga contaminada con metais pesados ao río Pesqueiras, que desemboca na Ría de Muros-Noia.

“Unha vez máis o PP pon o interese particular dunha multinacional por riba do interese dos galegos e das galegas”, denunciou Pontón ao inicio dunha manifestación na que tamén participou a deputada da comarca e portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, e unha ampla representación de responsables locais e comarcais do BNG.

Medidas nas balsas de residuos mineiros

O BNG tamén demanda ao Goberno da Xunta que tome medidas en relación “ás dúas balsas de residuos mineiros colmatadas e en pésimo estado, que son un perigo ambiental que a empresa elude coa complicidade dun PP que non actúa”. Ademais, Pontón engadiu que “un problema nesas balsas, como unha posible rotura dado o seu deterioro, tería consecuencias desastrosas sobre a ría”.

“Fronte a un PP empeñado en poñerse do lado de quen quere aproveitarse de Galiza, no BNG imos estar sempre na defensa dos intereses deste país e da súa xente”, concluíu Pontón.