Ana Pastor fixo presión en Bruxelas para que non transcendese o informe crítico coa investigación do Alvia

Ana Pastor, vicepresidenta segunda do Congreso e ex ministra de Fomento. (Foto: Juan González)
As vítimas concentraranse a próxima semana diante do Congreso para exixir a súa dimisión após coñecerse que en 2016 advertiu por carta á Comisión Europea da "gravidade" da publicación dese documento, que cuestionaba a actuación do Goberno de Mariano Raxoi.

A ex ministra de Fomento Ana Pastor advertiu en 2016 á daquela comisaria de Transportes, Violeta Bulc, da "especial gravidade" que tiña publicar o informe da Axencia Ferroviaria Europea crítico coa investigación oficial realizada polo Estado español sobre o accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago).

Así o recolle unha carta dirixida persoalmente por Ana Pastor a Violeta Bulc, con data de 26 de maio de 2016, segundo revela esta sexta feira Praza.gal. "O contido das cartas demostra que Ana Pastor se implicou directamente en ocultar todo o que tiña a ver coa terríbel traxedia do Alvia", denuncia a plataforma que abrangue a maior parte das vítimas do sinistro, no que morreron 80 persoas.

As vítimas lembran que na súa comparecencia en agosto de 2013 no Congreso, Pastor afirmou que ía actuar "con toda transparencia, para dicir todo o que teña a ver con este terríbel accidente", e engadiu aos deputados: "Teñen o meu compromiso de que non descansarei até saber a verdade".

Con todo, en maio de 2016, ao ter coñecemento de que a Comisión Europea ía publicar o informe que cuestionaba a investigación oficial —a realizada pola Comisión de investigación de accidentes ferroviarios, CIAF— e que alertaba do incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria, escribiu á comisaria alertando da "gravidade" da súa publicación.

"Encarguei ao noso servizo xurídico un informe sobre as súas repercusións e rogo que tomes nota de que o Reino de España reserva o dereito de adoptar medidas ante a indefensión que esta actuación puidese ocasionar", trasladáballe a por entón ministra de Fomento á comisaria de Transportes.

Desde a plataforma de vítimas inciden en que "utilizou o argumento de indefensión do Reino de España para protexerse e ocultar as súas mentiras e a súa mala xestión, xa que o informe da UE concluía que o goberno incumpriu a obriga de investigar o accidente por falta de independencia e por non analizar as causas que implicaban o seu ministerio".

Neste senso, o informe da CIAF concluía que o maquinista era o único responsábel do sinistro. Após varios fechamentos e reaperturas, a instrución xudicial concluíu con dous imputados: o maquinista e o ex xefe de Seguridade na circulación de Adif. Ambos os dous sentarán no banco dos acusados a partir da próxima cuarta feira, 5 de outubro, cando arrinca o xuízo, case unha década despois do sucedido.

"O que realmente xeraba e xera indefensión ao Reino de España, en particular aos seus cidadáns, é que os seus dirixentes, por protexerse, traten de ocultar os incumprimentos da lei en materia de seguridade e as causas técnicas dun accidente que deixou 80 mortos e máis de 140 feridos", denuncia a plataforma, que tamén pedira ao Ministerio de Transportes acceder ás misivas.

As vítimas sinalan agora á actual secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, quen este mesmo mes mostrou "total disposición" coa Xustiza. "Precisamente quen se negou a entregar a información durante este tempo, até que se viu obrigada polo Consello de Transparencia", recrimina a plataforma.

Antes de que comece o xuízo, as vítimas concentraranse a vindeira segunda feira, 3 de outubro, fronte ao Congreso para exixir a dimisión de Ana Pastor como vicepresidenta segunda da Cámara Baixa, "polas súas mentiras e manobras de ocultación".