Día da Muller e a Nena na Ciencia

Ana Jesús López Díaz, doutora en Física: "A igual mérito e capacidade séguese a favorecer os homes"

Ana Jesus Lopez, presidenta de AMIT Galiza, é doutora en Ciencias Físicas e profesora da UDC (Foto: RAGC).
Aínda que as mulleres son 56% do alumnado universitario, só 25% cursan estudos en tecnoloxía e enxeñaría. Só 24% ocupa cátedras universitarias e 26% é parte do profesorado investigador. No Día da Muller e a Nena na Ciencia, Nós Diario conversa coa presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas da Galiza, Ana Jesús López Díaz.

—A Galiza segue a perder talento científico por razóns de xénero?

Si, na Galiza como no resto do  Estado e de Europa. É unha tendencia mundial. Aquí, en concreto, as políticas científicas que se están a levar a cabo non axudan á permanencia das mulleres na carreira investigadora.

—Onde comezan os atrancos?

No acceso á universidade. Prevalecen moitos estereotipos, como que as mulleres non valemos ou temos menos interese para determinadas cousas do ámbito da das ciencias duras. Iso segue moi arraigado, mesmo diría que se incrementou nos últimos anos. En moitas carreiras técnicas e enxeñarías, en lugar de aumentar o número de alumnas foise reducindo. Eu véxoo na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol. Cando era Enxeñaría Industrial, un 30% do alumnado eran mulleres. Desde que se implantou o Plan Boloña converteuse en dous graos, o de Enxeñaría Mecánica e o de Enxeñaría en Tecnoloxías Industrias. Pois no primeiro, o equivalente á vella licenciatura, o número de alumnas é baixísimo, non chega a 10%. O primeiro ano non había ningunha. E hoxe podo contalas na aula sen dificultade. Co proceso de adaptación ao espazo europeo da educación superior notouse un descenso no número de alumnas, sobre todo nas carreiras tecnolóxicas. 

—A realidade parece que contrasta coa percepción social.

Dáse a idea de que as mulleres estamos en todas partes, que está todo conseguido, pero a realidade é outra. Nas universidades estase incrementando a segregación horizontal, o desequilibrio entre homes e mulleres segundo o ámbito de coñecemento. E insisto, nas carreiras tecnolóxicas e de enxeñaría o número de estudantes femininas está a diminuír malia que as rapazas teñen mellores resultados académicos.

—Que suceden coas mulleres que seguen como profesoras ou inician unha carreira investigadora?

Atopan moitos atrancos, incluso nas áreas máis feminizadas. O problema aquí ten que ver máis co teito de cristal. Entran en xogo cuestións como a maternidade, que parece que non se quere ter en conta. A lei Ángeles Alvariño [pola igualdade na investigación] é moi avanzada. Contempla medidas positivas. Pero que están a facer realmente? Hai convocatorias da Xunta con requisitos e prazos tan axustados que deixan fóra moitas mulleres. Son incompatíbeis cun paro de un ano ou dous por coidados ou maternidade.

Ademais, hai unha serie de redes informais que seguen a favorecer os homes fronte ás mulleres. Estou convencida. Están menos sometidos a continxencias nun momento en que a carreira científica é moi exixente, cada vez máis estresante. Non se pode deixar de publicar, hai que facer estancias no estranxeiro. Para as mulleres isto é máis crítico que para os homes. Vense continuamente na obriga de escoller entre a súa carreira científica e profesional  ou o seu proxecto persoal. Os homes tamén, por suposto, pero contan con máis apoios.

—Ante os mesmos méritos e capacidades.

Esas son palabras grandilocuentes pero todos e todas sabemos que ante os mesmos méritos e capacidades se favorece os homes. Hai estudos que o demostran. O famoso John e Jennifer da Universidade de Yale confirma que ante currículos idénticos [ficticios] Jennifer foi peor valorada. Por iso que non se trata só de mérito e capacidade. Hai outros nesgos, conscientes ou non, que pesan e limitan o acceso das mulleres ás carreiras científicas mais o seu avance na carreira investigadora. Así se vai perdendo talento feminino polo camiño, mulleres preparadísimas, referentes para as xeracións máis novas.

Mulleres excelentes na historia da ciencia 

A AMIT Galiza vén de presentar o informe A presenza feminina na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) 2008-2021 un estudo que pon de manifesto que esta entidade conta cunha representación de académicas inferior a 20%. Un forte desequilibrio de xénero que tamén se advirte en recoñecementos do ámbito científico e datas conmemorativas. "É o caso do Día da Ciencia en Galego. Se só se lle dedica a homes, estase reforzando a idea de que as mulleres non participamos da creación científica".

Hai que ter en conta, incide Ana Jesús López, que as mulleres accedemos á universidade en 1910 e até mediados dos 80 logramos certa igualdade nas aulas. "E malia a todo, na historia da ciencia hai mulleres excelentes que foron quen de aportar". Tamén na Galiza. "Pero non as vaiamos buscar ao século XIX". Están máis perto. "Hai que sacalas á luz e deixar de proxectar esa ciencia tan masculina e patriarcal".