O BNG promove unha lei para corrixir a discriminación das mulleres no eido da investigación

A formación nacionalista defenderá no Parlamento galego a chamada 'Lei Ángeles Alvariño' para que "ningunha muller teña que escoller entre ser nai ou científica"
A deputada Olalla Rodil será a encargada de defender a Lei no Parlamento galego (Foto: BNG).
photo_camera A deputada Olalla Rodil será a encargada de defender a Lei no Parlamento galego (Foto: BNG).

O Parlamento galego acollerá esta semana un novo pleno no que o BNG defenderá a toma en consideración da que chaman 'Lei Ángeles Alvariño', para que "ningunha muller teña que escoller entre ser nai ou científica".

Así o explicou a deputada nacionalista Olalla Rodil, quen afirma que esta proposición lexislativa, que modifica a normativa autonómica anterior nesta materia, busca "acabar coa discriminación que a día de hoxe sofren as mulleres investigadoras en Galicia".

Segundo as súas palabras, sofren unha "penalización" nas convocatorias públicas "polo feito de ser nai e coidar á súa filla ou ao seu fillo". Así, esta 'Lei Ángeles Alvariño' busca introducir mecanismos para evitalo, xa que a discriminación por razóns de xénero, engade Rodil, povoca unha perda de "talento e valor fundamental para o desenvolvemento social, económico e cultural" da Galiza.

Segundo cifras do BNG, no país "só 27% das universitarias cursan carreiras científicas ou técnicas", mentres que "dúas de cada dez cátedras" do Sistema Universitario Galego (SUG) están ocupadas por mulleres.

"Por iso temos que avanzar na corresponsabilidade e suprimir as barreiras que impiden competir en condicións de equidade ás mulleres. E ese é o obxectivo desta proposición de lei", explica Rodil, que toma o seu nome dunha galega "pioneira" na oceanografía nos anos 70 en Estados Unidos e "referente" na loita contra a discriminación das mulleres.

Contido da lei

Neste sentido, o Bloque destaca que o texto que defenderá na Cámara recolle medidas que garantan unha "igualdade que a día de hoxe a Xunta non garante" no acceso ás convocatorias de investigación, organismos e entidades do sistema galego de I+D+i.

De feito, Rodil explica que a proposta lexislativa pon o foco na discriminación por maternidade, á vez que aposta por "dar visibilidade" ao traballo das investigadoras coa creación de cátedras de xénero, cun apoio á participación en órganos colexiados e potenciando a vocación científica das mulleres.

"É unha proposición de lei pioneira para seguir avanzando nunha sociedade máis xusta e democrática", resume a deputada nacionalista.

Comentarios