Ana Isabel Otero é concelleira de igualdade de Bueu

Ana Isabel Otero: “Intentamos involucrar todos os estamentos do concello na loita pola igualdade e o feminismo”

Ana Otero (cuarta pola esquerda) e o resto do Goberno de Bueu presentaron un xogo de mesa sobre igualdade. (Foto: Nós Diario)
O concello de Bueu, a través da súa Concellaría de Igualdade, vén de elaborar e estrear un xogo de mesa que trata sobre a igualdade, destinado aos centros educativos da vila. Esta iniciativa está inserida na liña de colaboración estabelecida entre o Goberno local e a comunidade educativa de Bueu. O xogo foi deseñado pola empresa Andamiaxe con cargo aos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero do ano 2020. O xogo busca “erradicar o sexismo na sociedade e previr as violencias machistas”.

Como xurdiu a idea de lanzar este xogo relacionado coa igualdade?

Este é un xogo de mesa que busca ofrecer información sobre igualdade e feminismo. Parecíanos un bo instrumento para educar, socializar e inculcar valores sociais ás crianzas. O xogo está composto por unha serie de preguntas sobre conceptos básicos de igualdade, vencellados sobre todo ao concello de Bueu. Desde o Centro de Información da Muller (CIM) levamos anos a loitar pola igualdade de xénero e contra a violencia. Temos moita relación cos centros educativos da vila. Sempre nos achegan propostas e ideas nas reunións que mantemos, e este xogo foi unha delas. Ademais, contábamos con fondos sen empregar do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero de 2020.

Cal é o obxectivo do concello con esta iniciativa?

Vémolo como unha boa oportunidade para cambiar a forma de dar visibilidade á igualdade de xénero. A nosa intención con esta idea é procurar unha maneira lúdica de traballar nos eidos da igualdade de xénero e do feminismo, enfocándonos como administración local no concello de Bueu, ao tempo que empregamos ferramentas e formatos lúdicos e entretidos para que as crianzas poidan divertirse ao tempo que aprenden.

Entregaron dous exemplares deste xogo a cada centro educativo. Por que decidiron enfocar os seus esforzos nos sectores infantil e xuvenil?

Sempre incidimos en que o ensino sobre igualdade nesas idades é fundamental, xa que as crianzas están a formar a súa personalidade nesta etapa. Iso fai que sexa moi importante comezar a inculcar conceptos básicos para que empecen a tratalos e a entendelos. É imprescindíbel que os ámbitos educativo e familiar fomenten este tipo de educación entre as crianzas, porque iso leva á confección dunha sociedade máis libre e igualitaria, na que o feminismo está presente en todos os ámbitos. É necesario que as máis novas se involucren nesta loita.

Neste sentido, a súa Concellaría está a traballar en novas iniciativas e campañas?

A iniciativa do xogo serviu como primeira toma do contacto para ver o resultado da mesma. Sacouse un número reducido de xogos, máis a nosa principal intención agora e sacar máis copias. Ademais, estamos a traballar en novas actividades, como charlas informativas nos centros educativos, que concretaremos nos próximos días; campañas enfocadas nas redes sociais e en comportamentos que se dan nelas que debemos reverter. En xeral, intentamos involucrar todos os estamentos do concello nesta loita, e as actividades están enfocadas neste obxectivo. Tamén debe ser chave entender que a defensa da igualdade e do feminismo non pode ser só cousa do 25 de novembro e do 8 de marzo, senón que debe estar presente no día a día da cidadanía.

Que papel deben xogar as administracións na normalización da igualdade e do feminismo como eixos fundamentais da sociedade? 

As administracións xogamos un papel moi importante neste aspecto. Desde o noso concello traballamos moito neste sentido, mais temos moi claro que podemos facer aínda moito máis. Tamén se debe diferenciar entre o que poden facer as administracións locais como a nosa, que conta cuns recursos económicos e loxísticos limitados, e o que poden dar os organismos galegos e estatais. Eles deben ser os que tomen un papel protagonista neste proceso. E iso pasa por corrixir e reverter, en primeiro lugar, situacións estruturais e comportamentos individuais machistas que se dan nas propias administracións. Erradicar estas desigualdades no ámbito institucional é o primeiro paso que se debe dar.