Entrevista

Ana Fernández, especialista no ciclo da auga: "Altri solicita 9% da media de volume no encoro de Portodemouros"

A doutora en Hidroloxía e xestión de recursos hídricos, Ana Fernández (Foto: Nós Diario).
Ana Fernández, doutora en Hidroloxía e xestión de recursos hídricos e portavoz de Augas de Adega, explica a 'Nós Diario' as implicacións do proxecto de Altri en Palas de Rei.

En que consiste o proxecto de Altri en Palas de Rei?
En principio querían vendernos unha biofábrica de fibras sostíbeis. Mais finalmente trátase dunha macrocelulosa, unha fábrica que vai ocupar 360 hectáreas con dúas liñas de produción, unha de pasta de celulosa solúbel de 400.000 toneladas anuais, unha de lyocell de 200.000 toneladas.

Como é o emprazamento que vai ocupar?
É unha zona de rochas serpentínicas, que son moi pouco frecuentes (o 1% a nivel mundial e un 0,2% na Galiza) e moi ricas en compoñentes como o manganeso, o ferro, o cromo ou o níquel. Achegan ao solo unhas condicións selectivas que favorecen a especiación e a evolución de endemismos, nun lugar no que hai até catro especies endémicas exclusivas a nivel mundial, tres delas en perigo de extinción. É unha zona de alto valor ambiental limítrofe á Rede Natura e que se debería de ter considerado dentro da zona de especial conservación, a ZEC da Serra do Careón.

Afecta máis zonas alén do lugar da fábrica?
Van cruzar por completo a liña de electricidade a través da serra do Careón de forma subterránea, polo tanto van levantar todas esas terras coa riqueza que antes comentaba. Ademais, a condución e as verteduras van implicar expropiacións ao tecido socioeconómico da contorna, o que xerará un grave impacto socioeconómico ao atinxir multitude de predios, un total de 834. Ademais, vai haber unhas servidumes de tubaxes ou de acueduto que afectarán 512 predios nos que van pagar moi pouco e que nalgún caso cruzan en diagonal os terreos, nestes casos non se van poder plantar moitísimas especies.

Haberá impacto na economía?
Indubidabelmente, haberá unha afección grave ao tecido socioeconómico da comarca, o sector servizos e o sector primario. Hai moitas explotacións en ecolóxico que van ser borradas por completo. 500 postos de traballo nun futuro van eliminar as dedicacións que elixiu ter a xente.

Está todo o impacto contemplado no proxecto?
O estudo da empresa ten moitas carencias. Na análise das emisións ao aire empregaron un modelo de dispersión de contaminantes que non está recomendado desde o ano 2017 nas listaxes das axencias medioambientais (os famosos modelos EPA) porque se considera que estas emisións de gases coma os óxidos de xofre ou os óxidos de nitróxeno son inertes e non se analizan as reaccións con outros gases que xa existen na contorna, especialmente nun contexto agrogandeiro e húmido, o que pode xerar outros produtos tamén moi prexudiciais para a saúde, como poden ser partículas secundarias (de sulfato, nitrato), compostos ácidos (coma o ácido sulfúrico) ou gases (coma o ozono troposférico) que non se contemplan. Ademais, toma como base a lexislación actual, de 2010, mais agora na Unión Europea está sobre a mesa unha normativa máis restritiva xa que a Organización Mundial da Saúde a leva moitos anos exixindo.

Vostede é especialista no ciclo da auga. Tamén xorden problemas nesta materia?
Son 46 millóns de litros de auga ao día os que queren para a súa concesión, o que supón 9% da media de volume no encoro de Portodemouros, iso independentemente de que despois a gasten ou non, que seguro que o farán aínda que o neguen. Cando funcionen a pleno rendemento, que non sabemos en que momento será porque non o din, precisarán esa cantidade de auga, razón de que a soliciten.

A concesión duraría 75 anos e non se avaliou no estudo de impacto ambiental que repercusión ten esta gran cantidade de auga que se vai detraer do sistema fluvial. Estamos obrigados pola Directiva Marco da Auga a que se contemple no plan hidrolóxico da bacía. Non hai ficha no plan sobre a avaliación da repercusión desta fábrica.

Por outra parte, vanse verter unha gran cantidade de compostos orgánicos a quilómetro e medio dun encoro que xa está en mal estado debido a materiais semellantes , como proba o feito de que se prohiba a navegación e o baño a causa do microcistis, uns organismos moi tóxicos que medran polo estado eutrófico da auga. Sen esquecer a ría de Arousa, unha denominada masa de auga de transición que xa está en mal estado por uns contaminantes orgánicos que se multiplicarán coa instalación desta empresa.