Entrevista

Ana Durán Penabad, investigadora: "O da Galiza tradicional foi un patriarcado sen homes"

Durán Penabad é parte do traballo de investigación 'Saberes de muller', desenvolvido en Doade, Lalín. (Foto: Susana Rois)
Ana Durán Penabad (A Coruña, 1978) é investigadora e secretaria da Sociedade Galega de Antropoloxía, de cuxa man avanzou no estudo do papel das mulleres na sociedade tradicional galega. Esta sexta feira, no marco do 8-M, falará en Mañón sobre a súa experiencia vital.

—Como era ser muller na sociedade tradicional galega?
Moi duro. A maior parte das mulleres vivían no rural e do traballo nos sectores primarios. Levaban unha vida moi escrava. A parte de ocuparse da casa, da familia e do coidado dos seus tiñan que traballar e moito. Ocupábanse de todo nunha sociedade que era patriarcal, pero sen homes.

—De que forma marcou a emigración a vida das mulleres?
Totalmente. A emigración e o estado civil marcaron por completo a vida das mulleres adultas ao longo da historia. Non era o mesmo estar casada que estar solteira, ao igual que tampouco era o mesmo ser nai solteira.

Moitas mulleres solteiras quedaban preñadas porque nunha sociedade na que se pasaba moita fame, na que non había recursos suficientes nin un sistema de protección social como o que temos agora, ser solteira e non ter fillos abocaba a unha vellez moi difícil. Os fillos eran supervivencia. 

No mesmo sentido, ser viúva era faena. Érao tanto para as viúvas de mortos como as viúvas de vivos, as dos emigrantes e mariñeiros. En ambos os dous casos era ser muller de ninguén. Estaban no limbo social.

—Está a describir unha vida marcada tamén polos homes, ás veces presentes, ás veces ausentes, mais sempre decisivos para a súa autonomía e subsistencia.
A vida das mulleres estaba marcada sobre todo pola ausencia de homes. Eu non vexo nada máis patriarcal ca iso. Oxalá tivéramos o poder de decidir por nós mesmas, pero a nosa situación na sociedade tradicional estivo marcada pola existencia ou non de homes.

—Por que se fala entón dunha sociedade matriarcal na Galiza?
Temos unha imaxe da muller galega forte, dura, resolutiva, empoderada; que o é, pero en termos antropolóxicos non houbo un matriarcado. Non está documentado. Nunha sociedade matriarcal o poder social reside na muller, mais na Galiza non o tiña. Tíñao na súa casa, aí podía ser a dona, a xefa da familia, facer prevalecer a súa autoridade moral, pero a nivel social e legal non tiñan ningún poder.

Até hai ben pouco as mulleres nin podían emigrar sen permiso do home. Que tipo de matriarcado é ese? O que se daban eran situacións ás que había que sobrevivir e saír para adiante. E neste contexto podemos falar dun patriarcado con certas peculiaridades, que se dan na Galiza mais non noutras sociedades, onde eran considerados estigmas.

—Que trazos diferenciais definen o patriarcado tradicional na Galiza?
Na nosa sociedade tolerábase ter un fillo fóra do matrimonio, cousa que non sucedía no sur, por exemplo. De feito, na Galiza está estudado o fenómeno das 'mulleres espontaneadas', aquelas que quedaban preñadas fóra do matrimonio e que ían a un notario dar conta diso, unha opción xurídica propia do noso territorio que outorgaba certa oficialidade.

Por outra parte tamén se fala dos dereitos de herdanza, marcados igualmente pola emigración e pola falta de homes. Mais non eran iguais nin homoxéneos en toda a Galiza. Dependían das circunstancias económicas e sociais. O sistema hereditario era diferente na costa e no interior. No interior emigrábase moito menos, entón patriarcado vese moito máis reforzado. Así, mentres no interior se primaba o fillo varón, o primoxénito, na costa primábanse as mulleres. O que se buscaba, substancialmente, é que houbese unha muller que te coidase na vellez.

—Que aprendizaxe tira dos seus estudos e da experiencia destas mulleres.
Para as xeracións máis novas as historias das nosas avoas ou bisavoas son doutro planeta, pero non poden quedar no esquecemento. Eu sinto como unha responsabilidade transmitir os seus saberes, o que foron o que pasaron. As mulleres da Galiza son as grandes relegadas. Temos que admirar o seu espírito e escoitalas. Teñen moito que dicir para que a situación de antes non sexa a de hoxe, non o pode ser.