As mulleres espontáneas: control e "protección" das embarazadas fóra do matrimonio

O investigador betanceiro Ángel Arcay vén de ser premiado polo seu estudo sobre as "mulleres espontáneas". O historiador, Ana María Romero Masiá e Miguel García-Fernández explican as chaves e a importancia deste concepto xurídico case descoñecido e único na Galiza dos séculos XVIII e XIX. 
Expediente consultado no Arquivo Histórico de Protocolos da Coruña. (Foto: Ángel Arcay)
photo_camera Expediente consultado no Arquivo Histórico de Protocolos da Coruña. (Foto: Ángel Arcay)

O betanceiro Ángel Arcay recibiu o pasado mes de xaneiro o primeiro premio do certame que convocou a Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume, o Concello das Pontes e a Deputación da Coruña, pola súa investigación titulada Mulleres espontáneas: fraxilidade humana e cópula carnal nas comarcas do Eume e Ferrol (XVIII-XIX).

As “espontaneadas” -termo que se empregaba na época-, explica o historiador premiado, “eran todas aquelas mulleres galegas que se presentaban voluntarias ou obrigadas diante das autoridades para auto inculparse polo feito de ter quedado embarazadas” fóra do matrimonio.

Estas mulleres, na inmensa maioría dos casos viúvas ou solteiras, tiñan que dar explicacións sobre “o proceso do seu embarazo” coa intención de “recibir o perdón pola franqueza das súas declaracións”, logrando tamén “un salvoconduto para non ser molestadas”.

Xunto á declaración e á identificación do home e ás circunstancias nas que se chegaba a “lograr a cópula carnal”, a declarante tiña que nomear “un fiador", persoa que se encargaba "do coidado da muller e da criatura, evitando chamar a atención do resto dos veciños”.

O estudo trata de comprender o proceso xurídico e todo o que supuña para a vida das mulleres que se arriscaban a dar este paso, analizando a tipoloxía documental e as testemuñas de 555 mulleres “espontaneadas” entre os anos 1770 e 1850 no territorio comprendido polas actuais comarcas do Eume e de Ferrolterra.

Unha ferramenta de control social

Arcay lembra que “desde a celebración do Concilio de Trento, a mediados do século XVI, as autoridades eclesiásticas puxeron o foco no castigo de toda aquela actividade sexual que non tivese como finalidade a procreación”. Porén, “legalmente non estaba prohibido o sexo entre persoas solteiras ou viúvas” a non ser que esta relación “tivese como resultado a existencia de crianzas ou o escándalo público”.

Unha muller solteira ou viúva embarazada só tiña dúas opcións: “recorrer ao aborto” ou ben dar a luz “e, a partir de aí, decidir que facer” para saír adiante. Diante deste dilema, as mulleres tiñan a posibilidade de “espontanearse”, unha opción xurídica “tan só coñecida no territorio galego”, que “permitía as mulleres lograr a tranquilidade necesaria” para xustificar o coidado das crianzas. Segundo sinala o autor, a Galiza contaba cunhas "altas taxas" de crianzas “ilexítimas” que eran “alarmantes” para as autoridades da época.

As “espontaneadas” víanse na obriga de xustificar o seu embarazo como “resultado dunha pequena falta e non dunha práctica viciosa”, amparándose en gran parte das ocasións “na casuística excepcional de ter sido preñadas baixo engano ou falsa promesa de casamento”.

Para o autor, a declaración destas mulleres serviría tamén como unha ferramenta de control para que as autoridades “tivesen vixiadas estas prácticas extraconxugais”, mais tamén para evitar os abortos. 

O alcalde, o notario e o crego, as chaves

No seu discurso de entrada no Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide no 2017, Ana María Romero Masiá decidiu abordar a realidade das mulleres espontaneadas. Para iso, revisou unha documentación da que se coñecía a existencia no arquivo municipal da Coruña pero que até aquel momento non fora investigada. A partir de aí, Masiá continuou investigando outras fontes até obter expedientes de 400 mulleres, sobre todo das cidades da Coruña e Ferrol.

A investigadora indica que a autoridade diante da que unha muller se “espontaneaba” podía ser “o alcalde, un notario ou o crego da parroquia”. Para Masiá esta norma tiña unha dobre vertente, ao mesmo tempo, de “protección e control”, xa que “con ese salvoconduto se lles protexía mais sabían quen se atopaba nesa situación irregular”.

A especificidade galega da norma era tal que, segundo sinala a historiadora, "incluso algún funcionario da Real Audiencia, que viña do Reino de Castelá, cando coñecía este tema se mostraba moi sorprendido”.

Violacións e defensa diante dunha mentalidade colectiva retrógrada

Miguel García-Fernández, especialista en historia das mulleres na época medieval, recibiu en 2018 un aviso do persoal do arquivo municipal da súa localidade, San Xoán de Río, do achado duns documentos de moito interese nos que se recollían 30 expedientes de mulleres espontaneadas. O historiador, aínda non sendo os documentos da época na que traballa normalmente, non dubidou en atender a encomenda polo seu grande interese, para posteriormente facer divulgación da súa investigación.

Actualmente, García-Fernández realiza unha nova investigación sobre a cuestión en conxunto con Pablo Otero Piñeyro Maseda, neste caso onde aparecen relatos de embarazos que foron froito de violacións. Estas mulleres, en ocasións, por riba da penuria da violación, tiñan que “defenderse da mentalidade colectiva” a través do “espontaneo” incluso de “acusacións de exercer a prostitución”.

Marxes de liberdade feminina na historia

Miguel García-Fernández incide tamén nos relatos de mulleres “que se entregaron aos apetitos da carne por promesa de matrimonio”. Isto fai pensar, prosegue, “até que punto a muller non se apropia dese discurso e en realidade o que está é mantendo relacións simplemente porque quere”, que desexaban manter relacións sexuais cos seus “gañantes” -como se nomeaba os homes que mantiñan estas relacións-.

Isto, sinala García-Fernández, fainos escapar da visión das mulleres na historia como “simples vítimas” e comprender que naquel entón existían mulleres que tiñan unha “liberdade sexual plena” e que existiron “realidades con marxes de liberdade feminina que estas mulleres souberon aproveitar”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios