Amplo seguimento na greve deste sábado na CRTVG

Imaxe: FB de CUT CRTVG

Máis de 85% do persoal secunda o paro, segundo fontes sindicais.

A segunda xornada de greve na CRTVG volveu ter un amplo seguimento por parte do persoal, un 87% segundo a sección da CIG na canle pública. "O especial da lotaria de Nadal emítese con sinal compartillada da FORTA e mínima personalización da TVG (só un comentarista en Madrid)", afirman.


A greve deste sábado toma o relevo da xornada de foga de 24 horas do pasado martes, que tivo un seguimento de 90% segundo o comité intercentros. As traballadoras que prestan servizos na quenda de fin de semana estaban convocadas a parar (na proporcionalidade horaria dunha xornada de greve de 24 horas que lle corresponde a esta quenda especial) na defensa da CRTVG "como servizo público".


O comité Intercentros denuncia “que a actual directiva da CRTVG está a executar un desmantelamento do medio con sucesivas decisións que van en detrimento da encomenda de servizo para a que foi concibido o medio” .


"Hai tantos motivos para ir a esta greve que é difícil atopar unha razón para non secundala, sobran os motivos para ir”. Esta afirmación dunha das integrantes do comité intercentros da CRTVG, en conversa con Sermos Galiza, expresaba en novembro o convencemento na necesidade dos paros convocados nos medios públicos galegos, paros que agora dan paso a unha folga. O conflito vén de vello e as diferentes reunións que nestas semanas mantiveron o comité intercentros e a dirección da CRTVG non acabaron en acordo.

 

Entre as reivindicacións, hai demandas centradas na recuperación da produción propia interna e na supresión da externalización da produción e servizos. Outras das reivindicacións afondan máis no laboral, como as que atinxen a garantía de mantemento do emprego, a fin da utilización “fraudulenta” de bolseiras ou a negociación do cadro de persoal e mantemento do emprego.

 

A defensa da CRTVG como medio público e independente é outra das demandas destes paros. Destarte, o persoal exixe a “fin da política represiva” ou a fin da “manipulación informativa”, ao tempo que se reclama a creación do consello de informativos e o estatuto profesional contemplados na Lei 9/ 2011.