GREVE NO ENSINO

Amplo seguimento da folga estudantil nas primeiras horas

[ÚLTIMA ACTUALIZACIÓN 12:50H] Aulas baleiras na universidade e tamén no ensino medio. A piques de comezar as mobilizacións, en Vigo  e Compostela a policía española desenvolveu rexistros e identificacións nos arredores da Praza América e Porta Faxeira. 

 

Nas primeiras horas da folga estudantil convocada por unha ducia de organizacións, colectivos e asociacións para este 26 de febreiro as aulas das universidades ficaron amplamente baleiras, segundo informou desde os campus o movemento estudantil galego. 

Á espera de cifras e de que dean comezo as mobilizacións convocadas, as incidencias só se produciron en Vigo onde axentes da policía española --por volta de 4 furgóns e até un helicóptero-- controlan os arredores da Praza América desde as once da mañá.

Divers@s estudantes foron identificad@s para alén de lles rexistraren as mochilas e bolsos que portaban. Entre as persoas identificadas atópanse estudantes que se atopaban repartindo material informativo sobre a greve entre @s transeúntes. 

En vilas como Pontedeume, onde non foi reportado ningún incidente, o estudantado saíu ás rúas arredor das 11.00 horas en manifestación. 

Tamén na capital de Galiza as organizacións xuvenís e estudantís deron conta do despregamento policial e da identificación de divers@s estudantes na Porta Faxeira, de onde parte a manifestación.  

Por volta das 12.00h saíron as manifestacións de Vigo e Compostela acompañadas polo dispositivo policial.  

As mobilizacións decorren sen incidentes nas principais cidades galegas. En Ferrol rematou na Praza de Armas onde se lle deu leitura ao manifesto de convocatoria. En Ourense a manifestación concluíu perante a Subdelegación do goberno español.  

En Cee, onde se concentraron unha ducia de estudantes acompañad@s por nais e pais que quixeron amosar o seu apoio á greve estudantil, foron identificadas diversas persoas. Axentes da policía argüíron que a mobilización non fora notificada á delegación do goberno español.