Amplíase a inoculación de AstraZeneca ás persoas de entre 66 e 69 anos

Hospital Marítimo de Oza (Foto: Foto: M. Dylan / Europa Press)
A Comisión de Saúde Pública aprobou ampliar a  vacinación con AstraZeneca ás persoas de entre 66 e 69 anos. Mentres, continúa a inoculación con AstraZeneca nas persoas entre 60 e 65 e fica posposta a vacinación con este antídoto nos menores de 60.

A Comisión de Saúde Pública, na que están representadas o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, acordou continuar a vacinación contra a Covid-19 co antídoto de AstraZeneca ás persoas de 60 a 65 anos que xa se están a vacinar actualmente, e que o seguinte colectivo a inmunizar con esta vacina sexa o de 66 a 69 anos.

A través dun comunicado, Sanidade explica que o obxectivo desta decisión é "completar canto antes a vacinación da poboación máis vulnerábel á Covid-19”. Así mesmo, o Ministerio apunta que "se poderán utilizar outras vacinas" nestes grupos de idade "en función da dispoñibilidade".

Por outra banda, a Comisión optou, tal e como se anunciou na cuarta feira, 7 de abril, por pospor a vacinación con AstraZeneca das persoas menores de 60 anos.

Con respecto ás persoas menores de 60 que recibiron unha primeira dose de AstraZeneca, o Ministerio de Sanidade explica que a Comisión "comunicará proximamente a decisión sobre a segunda dose dependendo de como vaia actualizando e ampliando a evidencia científica, as avaliacións da Axencia Europea do Medicamento (EMA) e en comunicación con outros países da UE". O Ministerio baralla dous escenarios: inocular a segunda dose cunha vacina diferente ou manter cunha única dose, pois ten 70% de eficacia.

Pola súa banda a Xunta da Galiza procedeu a suspender a administración das vacinas de Astrazeneca nas persoas menores de 60 anos. Así, na xornada de hoxe, 8 de abril, desconvocou as 1.403 persoas, pertencentes aos colectivos profesionais esencias, que estaban chamadas a vacinarse nesta xornada con Astrazeneca. Ademais, o Servizo Galego de Saúde tamén está a reprogramar as citas dalgunhas persoas maiores de 60 anos, debido ao axuste das doses en cadansúa área sanitaria.

Colectivos como os do profesorado, no que se atopan moitos docentes menores de 60 anos pendentes de recibiren a segunda dose, censuran a xestión das autoridades sobre o proceso de con AstraZeneca. De facto, sindicatos de docentes exixen unha alternativa e a aclarar a situación daqueles que se atopan á espera da segunda dose.