Sanidade alivia as restricións na hostalaría, o lecer e os espazos concorridos

Novas medidas que entrarán en vigor ás 00 horas deste sábado (Infografía: Nós Diario).
Sanidade dá un respiro ao uso da máscara, que este sábado deixará de ser obrigatoria no exterior sempre que se garanta a distancia de 1,5 metros. Aliás, amplía a capacidade permitida en diferentes espazos públicos e eventos, así como nas terrazas —100%—, e o lecer nocturno reabrirá a próxima semana, o 1 de xullo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, concretou nesta cuarta feira en rolda de prensa —após a reunión mantida polo Comité Clínico na terza feira— as medidas que rexerán a nova fase do "proceso gradual de desescalada" que se iniciara o pasado febreiro, e que entrarán en vigor ás 00 horas deste sábado, previa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG).

"Os datos actuais acreditan unha situación de estabilidade e de control da pandemia, con practicamente toda a Galiza no nivel medio-baixo de restricións —308 concellos, 98% da poboación total— e uns niveis de contaxio moi semellantes aos de agosto de 2020, mais coa vantaxe evidente de que agora temos a vacina", xustificou.

Neste senso, salientou que a incidencia acumulada a 14 días é de 41 casos por cada 100.000 habitantes no conxunto da Galiza; de 21 casos a 7 días. "Seguimos a tendencia estábel das últimas semanas", engadiu. Aliás, un total de 212 municipios galegos non detectaron novos positivos da Covid-19 nos últimos sete días.

Malia que a situación epidemiolóxica convida a "seguir avanzando" de cara á "nova normalidade", Núñez Feixoo fixo un novo chamamento á "prudencia" porque, "malia que Galiza comeza ver a luz ao final do túnel, aínda non saíu del".

"Non podemos obviar o aumento de casos noutros países do noso contorno como Portugal ou o Reino Unido por mor da variante Delta, que é máis transmisíbel e máis resistente ante unha soa dose da vacina. Sería unha mágoa estragar o traballo de todos estes meses", insistiu. A este respecto, lembrou que esta cepa do coronavirus, procedente da India, xa recalou na Coruña e Vigo e os seus efectos son "moi superiores" aos da británica.

Tamén aludiu ao "importante incremento de contaxios nas festas de fin de curso" que se están a celebrar nestas datas por todo o país, e lamentou que cada vez sexa menor a participación da cidadanía nos cribados ao tempo que cae a idade media das persoas hospitalizadas: "O virus segue activo e pode afectar a calquera, o feito de ser mozo non evita os contaxios. En nome de todos os falecidos e de quen aínda non recibiron a vacina, debemos seguir actuando con responsabilidade".

Alivio do uso da máscara

Así as cousas, Núñez Feixoo confirmou unha das medidas máis agardadas das últimas semanas, a retirada da máscara nos espazos exteriores. A partir deste sábado, e logo de que na tarde desta cuarta feira o autorizase o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, non será obrigatorio portala ao aire libre toda vez que se garanta o distanciamento mínimo de 1,5 metros. "Ou máscara, ou distancia", resumiu o mandatario galego.

Estarán exentos de levar a máscara os grupos formados por persoas conviventes, agás se circulasen por unha rúa moi concorrida na que for imposíbel manter a distancia. E será preciso portala en todo momento para usala cando se dea esta circunstancia ou se acceda a un espazo interior.

Con todo, esta decisión non afecta aos concertos, eventos deportivos e outros actos de grande afluencia, que se rexerán neste senso pola súa propia normativa. Aliás, nos concellos que fiquen no nivel máximo de restricións —ningún a día de hoxe— seguirá a ser obrigatorio o uso da máscara en exteriores.

Maior capacidade en diferentes espazos

Nos lugares de culto, academias, centros de formación, congresos, museos, arquivos, bibliotecas, acuarios, zoolóxicos e ximnasios a capacidade permitida será de 75% —até o momento era de 50%—, e aos enterros poderá asistir un máximo de 50 persoas.

No transporte urbano poderase ocupar un terzo das prazas de pé e a totalidade dos asentos, e no que concirne aos centros comerciais cómpre salientar a reapertura das áreas de descanso e as zonas de ocio infantil. Así mesmo, volve estar permitido o contacto físico nas actividades deportivas e as academias de danza.

Por outra banda, o presidente anunciou que o persoal funcionario da Xunta da Galiza que actualmente traballa de forma telemática retornará ao seu posto presencial o vindeiro 5 de xullo.

100% de capacidade nas terrazas

Nos concellos co nivel máis baixo de restricións manterase a limitación de 50% de ocupación no interior dos estabelecementos hostaleiros —con grupos que non superen as seis persoas non conviventes—, mais poderase utilizar 100% das mesas nas terrazas —máximo de quince persoas—, sempre que se garanta a distancia de 1,5 metros. E as barras dos bares volverán estar operativas para pedir e servir as bebidas e alimentos, mais non para consumilos.

Nos concellos do nivel medioCamariñas, Cambre, Castroverde, Malpica de Bergantiños e Poio—, pola contra, rexerá aínda a capacidade máxima de 30% no interior e 50% no exterior.

Noutra orde, Núñez Feixoo confirmou que o lecer nocturno recuperará a súa actividade o 1 de xullo, mais aínda falta concretar algunhas cuestións como a hora de fechamento que se definirán na orde que se publicará esta semana no DOG.

Especial atención á área da Coruña-Cee

Na súa intervención ante os medios, o presidente puxo o foco na área sanitaria da Coruña-Cee, que preocupa especialmente ás persoas expertas polo recente incremento de contaxios, que sitúan este territorio coa incidencia acumulada a 14 días máis elevada da Galiza: 74 casos por cada 100.000 habitantes, case o dobre que no conxunto do país. Tamén medrou na última semana a taxa de positividade das probas PCR na área coruñesa, cun dato de 2,6%, e concentra a metade dos internamentos hospitalarios nas unidades de críticos.

"Imos reforzar a atención nesta área e seguiremos intensificando os rastrexos", afirmou, e pediu a estas cidadás e cidadáns "especial coidado e prudencia", así como acudiren aos cribados poboacionais e alertaren os servizos sanitarios "ante calquera sintomatoloxía compatíbel coa Covid-19".