Amnistía Internacional alerta das "carencias" da Xunta da Galiza en políticas de vivenda, sanidade e violencia machista

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

Lembra o uso "excesivo" da forza policial con balas de goma para disolver unha manifestación do metal en Vigo

Amnistía Internacional alerta, no seu informe anual, de "carencias" da Xunta da Galiza en políticas de vivenda, sanidade e violencia de xénero.

Igualmente, avisa dun uso "excesivo" da forza policial na Galiza. Como exemplo, expón que a Policía Nacional empregou o pasado verán balas de goma para disolver unha manifestación na folga do metal na cidade de Vigo e resultou ferido un manifestante.

En materia sanitaria, Amnistía Internacional advirte de que o novo Executivo debe facer fronte ao "deficiente" financiamento da atención primaria, pois "non chega nin de lonxe ao 25% do investimento total en sanidade".

De feito, apunta que o gasto sanitario caeu un 2% entre 2019 e 2021 na Galiza, con especial retroceso do 6% en atención primaria en plena pandemia. Tamén observa que o tempo de espera para consultas de atención primaria é superior aos dous días recomendados nun 74% dos casos.

Vivenda e violencia de xénero

En vivenda, censura que os datos están lonxe do 15% de vivenda social dispoñíbel de media na Unión Europea, cunha escasa cifra do 3,8%. Ao que se suma que hai case 300.000 vivendas baleiras na Galiza. E todo mentres o prezo do alugueiro se dispara un 26% na última década.

Paralelamente, exixe que se abran centros de crises 24 horas contra a violencia sexual e de xénero antes de final de ano, tal e como estabelece o mandato do Consello de Europa.