Amio ou Silleda: espir un santo para vestir outro

Imaxe: BNG Compostela
A continuidade da popular feira do gando de Santiago colga dun fío. Unha orde de peche do mercado dada por Conde Roa puña punto e final á súa actividade o 31 de decembro de 2011, mais a mobilización cidadá conseguiu parar os pés ao Concello. Tras acordar c@s gandeir@s un calendario que abranxía todo 2012, o novo rexedor compostelán, Ángel Currás, anuncia máis unha vez o peche do recinto feiral para beneficiar a Semana Verde, cuxa fundación preside Alfonso Rueda

Espir un santo para vestir outro. O dito popular ben podería resumir o conflito que desde finais de 2011 mantén a feira do gando de Amio, en Compostela, pendurando dun fío.

Unha decisión tomada polo que foi alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, que a oposición atribuíu a "intereses exclusivamente en clave partidista" --para facer cadrar as contas da Fundación Semana Verde de Silleda, que preside Alfonso Rueda-- puxo en pé de guerra a gandeir@s e tratantes. Non entendían daquela e non entenden agora como unha actividade con 130 anos de historia ás costas e que move máis dun millón de euros á semana pode deixar de realizarse na capital galega co visto e prace tanto de Conde Roa como do seu substituto, Ángel Currás.

A mobilización cidadá para os pés ao Concello en 2011
O rexedor compostelán puxo a finais do ano pasado data de caducidade: o 31 de decembro. Desde a Plataforma Cidadá pola Defensa do Mercado de Amio, creada co obxectivo que o seu propio nome indica, mobilizaron a cidadanía até conseguir que non se executase a ameaza de peche. En febreiro o Concello acordou con gandeir@s e tratantes un calendario de feiras que ocupaban todo 2012, "polo que pensamos que non habería conflito polo menos neste ano, que a cousa estaría tranquila".

Quen fala é Manuel Dacal, coordinador xeral da Federación Rural Galega --Fruga-- e voceiro do colectivo cidadán contra o traslado da feira, que soubo a través dos medios de comunicación --Ángel Curras anunciou que o peche de Amio seguia en pé nunha entrevista na prensa-- de que o conflito seguía vivo. Xa daquela, esta póla do rural compostelán entendeu que Alfonso Rueda --titular da consellería de Presidencia e secretario xeral do PP, para alén de presidente da Fundación Semana Verde--, procura co traslado de Amio "unha operación de maquillaxe política para disimular os resultados deficitarios da Fundación", espetou Rubén Cela, voceiro do BNG en Compostela.

E é que, segundo as contas que manexa o grupo municipal d@s nacionalistas, o recindo de Amio xerou en 2010 máis de 49 millóns de euros, e consolidouse en 2011 como o segundo mercado de gando estatal. Efectivamente, mesmo se rexistrou un incremento nas vendas e na facturación respecto do ano anterior, con 115.527 transaccións realizadas por valor de 50.915.122 euros. No entanto, Silleda está nas 54.680 cabezas vendidas, recadando 17.730.000 euros.

"A Semana Verde é un morto difícil de resucitar"
"A Semana Verde é un morto difícil de resucitar", dixo Dacal, facendo fincapé no "interese claro" de Alfonso Rueda en levar ás terras do Deza todas as operacións comerciais. Na mesma idea afondou Cela, reprochando de Ángel Currás que se deixe levar "por unha decisión exclusivamente política" no canto de "defender os intereses da cidade nin apoiar o sector agrogandeiro". Con Gerardo Conde Roa ao temón, o Concello de Compostela ofreceu @s operador@s comerciais --tratantes-- a xestión do espazo de Amio, mais este suposto non chegou nunca a materializarse. A concesión asinada con Monfobus, unha empresa fincada en Sarria, abranguía até 15 anos.

Cando Conde Roa artellou a idea de pechar Amio, a Semana Verde levaba tempo anotando perdas, que en 2010 superaron os 1,8 millóns de euros. En setembro de 2011 materializou nove despedimentos e anunciou un Expediente de Regulación de Emprego --Ere-- para o resto do cadro de persoal, integrado por 28 persoas. Cabe lembrar neste punto o rescate ao que procedeu a Xunta de Galiza en 2008, despois de apartar da xestión ao director, José Maril, tras unha ruinosa xestión que durou 20 anos.

Botar o gando fóra para acoller congresos e exposicións
A razón que deu o ex-rexedor compostelán cando anunciou o traslado foi a necesidade de dedicar as instalacións de Amio a feiras e congresos que, ao entender de Conde Roa, non serían compatibles coas actividades agrogandeiras. Ao fío responderon @s tratantes e @s gandeir@s, lembrando que o recinto feiral é sede de exposicións e actos todos os anos, alén de que a cidade conta xa con instalacións dabondo para realizar eventos destas características, como o Pazo de Congresos, o Auditorio e mesmo a Cidade da Cultura.

A outra motivación do Concello foron as aclamadas reformas para aclimatar o recinto, despois de varias demandas por parte dos colectivos ecoloxistas que alertaban do mal estado no que se encontraban as instalacións. No canto de exixir tales reformas da concesionaria das instalacións, a que foi titular de Mercados, Reyes Leis, espetou que "desde o punto de vista veterinario a Xunta podería pechar o recinto en calquera momento".

Sobre este punto, o voceiro do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, recomendou a Currás que desestime a idea do traslado e proceda a reclamar á empresa adxudicataria do recinto "o pago da débeda, os arranxos comprometidos, a revisión das taxas e a adecuación do pavimento á normativa de benestar animal". Aliás, Cela subliñou tamén o "valor inmaterial" que supón o Mercado de Amio, e a súa importancia á hora de diversificar a economía local.