Máis de 2.000 sinaturas en Xinzo contra a tala de 56 árbores centenarias

Amigos das Árbores da Limia segue a loitar polo arboredo de Xinzo. Na reunión desta sexta feira cos representantes municipais, o equipo de goberno do PP foi o único ausente.

A plataforma veciñal Amigos das Árbores da Limia convocou unha mesa redonda na Casa de Cultura da vila ourensá á que acudiron membros da plataforma, representantes de asociación ecoloxistas, a oposición municipal e veciños da vila. O obxectivo deste encontro era buscar alternativas á tala de árbores que aprobou o Concello. Ningún representante do equipo de goberno se achegou á xuntanza.

O Concello de Xinzo de Limia ten prevista unha reforma da Avenida de Celanova que supón a tala de máis de 56 árbores que terían en torno a 100 anos, segundo membros da plataforma. Amigos das Árbores da Limia xorde coa intención de buscar alternativas a tala destas árbores e conta co apoio dos membros da oposición e de asociacións ecoloxistas. O Concello pola súa banda escúdase na necesidade dunha reforma da vía, no suposto risco viario que provocan as árbores e no apoio de parte da veciñanza.

“A mobilización social é imprescindible se queremos para isto”, declarou  Xosé Santos, membro da plataforma

O proxecto, que parte da Xunta e que apoia o equipo de goberno municipal do Partido Popular, consistirá en construír unha beirarrúa na marxe dereita, ata agora inexistente, e en mellorar o saneamento, entre outras medidas. Pero o que suscitou a polémica foi a proposta de talar os plátanos de sombra que bordean esta vía.

O obxectivo do encontro era compartir ideas e buscar entre todos, veciños, plataforma e representantes municipais, unha solución a este problema. Non obstante, e pese á invitación formal por parte de Amigos das Árbores, ningún membro do equipo de goberno municipal acudiu ao encontro. Alba Feixóo, integrante da plataforma, declaraba que a única resposta recibida fora: “se vostede quere ver o proxecto veña e míreo”.

“As árbores non chocan contra os coches”, declaración de Ángel Ríos, membro de Amigos da Terra. 

Ramiro Rodríguez, voceiro do BNG no concello, cualificaba este comportamento como “unha falta de respecto aos veciños e á oposición”. Pola súa parte, Elvira Lama, declaraba que dende o PSOE, agardaban unha resposta do grupo de goberno e afirmaba non entender “que o PP presuma de transparencia e que logo se agoche ou que se ampare nunhas supostas firmas dos veciños que queren talar esas árbores”. Pola contra, Manuel Pérez, voceiro de Xinzo Adiante, declaraba que dende o seu partido xa agardaban este comportamento “porque está claro que se quixesen axudar xa o terían feito antes”.

Tomás García, membro da plataforma veciñal, sinalaba que se ben as obras son necesarias, a tala de árbores non é imprescindible e avogaba por unha proposta que as integrase na rúa. Xosé Santos, integrante tamén de Amigos das Árbores da Limia, destacaba que se trata dun patrimonio dificilmente recuperable nunha vila que apenas conta xa con espazos verdes: “Conservar é doado, é fácil, é económico. Recuperar é imposible”.

A plataforma ten recollidas máis de 2.000 firmas en contra da tala. 

A plataforma destacou tamén que a Avenida de Celanova forma parte do percorrido da Vía da Prata, camiño de peregrinación á Compostela, e que é unha cuestión a ter en conta. En palabras de Santos, “de Sevilla a Santiago, non hai ningún arboredo integrado nunha rúa como este, desta calidade e destas medidas”.

En canto á seguridade viaria, Ángel Ríos, representante de Amigos da Terra, declaraba que “as árbores non chocan contra os coches”. Propuña que, en todo caso, se se quere mellorar a seguridade nesta   estrada, reducir o límite de velocidade ou convertela en rúa de sentido único son opcións viables.

“De Sevilla a Santiago, non hai ningún arboredo integrado nunha rúa como este, desta calidade e destas medidas”, Santos

A oposición municipal mostrouse de acordo co exposto pola plataforma. Tomás García, sinalaba que agora os pasos a seguir por Amigos das Árbores da Limia son seguir tentando convencer de que hai alternativas, realizar unha serie de actos para concienciar e sobre todo “non parar ata conseguir ese cambio de actitude”. Ata o momento, a plataforma ten recollidas máis de 2.000 firmas en contra da tala.