Movemento veciñal en Xinzo para salvar da corta unhas árbores centenarias da vila

Imaxe: Google

O Concello quere talalas aproveitando a reforma do vial,  unha medida que tamén conta con apoios na veciñanza. Outros limiaos e a Sociedade galega de historia natural posiciónanse en contra e piden  que se procuren alternativas. 

O Concello de Xinzo de Limia quer aproveitar a reforma da Avenida de Celanova para talar as ringleiras de árbores que existen nas marxes do vial, apelando a cuestións de seguridade e á demanda de parte da veciñanza. Porén, contra a corte posicionouse a oposición, parte da sociedade limiá e colectivos como a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHM), que presentou un escrito perante Concello e Consellaría. No mesmo, pide que se conserven estas árbores centenarias e que aducir motivos de seguridade vial para a tala non ten sentido.

A veciñanza está a recoller sinaturas de apoio a un manifesto no que se insta o goberno local, PP, a que procure outras solucións que non pasen pola tala destas árbores. Defenden que as árbores forman de sempre do deseño e planificación de vilas e cidades. E que a súa importancia non se limita a unha cuestión estética mais que teñen múltiples funcións, desde reducir a contaminación até dar sombra e regular a temperatura.

“Non se pode entender a Avenida de Celanova sen esas árbores que plantaron os noso devanceiros”, afirman, ao tempo que advirten que unha vez que se talen as árbores non hai posibilidade de volta atrás. Por iso, emprazan o Concello a procurar alternativas.