Sen ambulancias e sen comida: a odisea dun enfermo dependente para ser trasladado do Clínico de Compostela

Interior dunha ambulancia nesta terceira onda da pandemia. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Un novo caso particular por de relevo os recortes na sanidade pública galega. Ante a falta de medio de transporte, a filla tivo que trasladado no coche particular seis horas despois de recibir a alta médica. A afectada louva o traballo das e dos profesionais do hospital pero critica duramente os medios materiais do servizo, que impiden unha atención axeitada ás e aos enfermos.

Unha usuaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denuncia a reducida estrutura do servizo de ambulancias no centro polas noites. Prefire manterse no anonimato porque pensa que este problema afecta a moita xente, mais detectouno despois de pasar horas agardando porque o seu pai fóra trasladado á residencia tras recibir a alta médica.

A afectada explica que onte á noite, as 22.00 horas, o seu pai foi dado de alta no Clínico após ingresar pola mañá para que lle realizaran distintas probas. Á hora de marchar, solicitou unha ambulancia para o desprazamento pois o home é “case ao 100% dependente” e non se pode mover por si só.

Tiveron que agardar dúas horas na zona de Observación até que lles comunicaron que “só hai dúas ambulancias operativas para todo o hospital na modalidade nocturna”. “Unha para persoas Covid-19 e outra para as “limpas”, como as denominan”, engade.

Segundo puido saber a dispoñibilidade de transporte é así desde antes da pandemia, pero agravouse con ela polo feito de que hai un vehículo reservado unicamente para infectadas polo virus.

Unhas horas despois, acompañada do seu proxenitor cun estado de saúde “moi delicado”, a moza volveu preguntar pola ambulancia e explicáronlle a organización estabelecida no centro hospitalario para utilizar a ambulancia.

Sen comida

“Primeiro van as e os doentes que se derivan a outros centros hospitalarios e logo os que van a residencias ou á casa, pero se polo medio xorden outras persoas que teñen que ser trasladadas de hospital, nunca hai tempo para o resto”, revela en conversa con Nós Diario. Nin durante o seu ingreso nin despois o paciente recibira nada de comer. A pesar de ser “unha persoa diabética, entre outras graves patoloxías”, intentou improvisar unha cea co que teñen as máquinas de venda. Ao final deu cunha enfermeira coñecida que lle buscou algo máis apto para a dieta, se ben non puido fornecerlle da medicación do varón.

Farta de agardar nunha situación moi incómoda para a persoa que fora dada de alta, ás catro da mañá (seis horas despois de solicitar a ambulancia), contou con persoal sanitario para levar ao pai até o coche propio e axudarlle a entrar como puideron.

Por iso, a denunciante agradece o traballo das e dos profesionais sanitarios do CHUS pero rexeita a organización das ambulancias, que ve froito dos recortes na sanidade pública. De feito puxo unha reclamación no hospital e pensa en novas formas de denunciar a situación padecida.

“Os enfermos dependentes non son refugallos que se poidan acumular ciscados nunha cama á espera dun servizo que non chega”, remarca, lembrando que un cambio de rutinas tamén pode ser moi malo para o estado destas persoas.