SEGUNDO O DOCUMENTARIO “FRANKENSTEIN-04155”

O Alvia que descarrilou en Angrois pesaba 32 toneladas máis do permitido

Alvia

O documentario 'Frankenstein-04155 denuncia o sobrepeso do Alvia accidentado o 24 de xullo de 2013 en Angrois, que provocou 81 persoas falecidas e 144 feridas. “O sobrepeso provocou que o tombo for tan violento e houber tantos mortos”, sinalan as vítimas.

O documentario“Frankenstein-04155” revela que o modelo de Alvia sinistrado en Angrois pesaba 32 toneladas máis do que marca a normativa vixente. Así o salienta a Plataforma de vítimas na súa páxina de Facebook, onde sinalan que “o sobrepeso provocou que o tombo for tan violento e houber tantos mortos”. “O documentario destapará máis”, advirte a plataforma, que insiste en reclamar “xustiza e verdade”.

As vítimas do Alvia aluden a unha información publicada por Europa Press, que tivo acceso a un avance do documentario que se estreará a finais de outubro na 60 edición da “Seminci”, Semana Internacional do Cine de Valladolid. Segundo esta información, o exceso de peso viría provocado polos dous furgóns xeradores do Alvia S-730, situados antes e despois das locomotoras.

tráiler da fita de Aitor Rei recolle os testemuños de Francisco Díaz Pardo, enxeñeiro de Telecomunicacións e experto en xestión ferroviaria, que sinala que “aquí non primou a seguridade, aquí primou a présa”, e de José Enrique Villarino, directivo de Renfe entre o 1987 e o 2007, que alerta de que “esa liña era unha chapuza”.

Esta revelación coñécese días após de que o Xulgado de Instrución número 3 de Compostela fechara o caso Alvia co maquinista como único imputado, atribuíndolle un delito de homicidios por imprudencia profesional grave e as persoas feridas. Precisamente, a plataforma de vítimas, que se manifestaron esta sexta feira, denunciou que o caso “fechou en falso”.