Entrevista

Álvaro Mena, médico internista: "A cuarta dose contra a Covid é necesaria e mellor se é bivalente"

Álvaro Mena, médico internista da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUAC. (Foto: Nós Diario)
Álvaro Mena, médico internista da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUAC, foi o escollido pola Sociedade Galega de Medicina Interna para iniciar un percorrido pola especialidade e actualizar coñecementos en materia de VIH, insuficiencia cardíaca, doenzas autoinmunes, EPOC ou Covid, obxecto da primeira sesión.

—Após tres anos de pandemia, en que mudou a situación epidemiolóxica da Covid?
Hoxe descoñecemos o número de persoas diagnosticadas ou a incidencia real da enfermidade. Non a coñecemos porque agora mesmo non se informa dos casos. Os que se notifican responden a unha parte moi pequena da Covid diagnosticada, mesmo da Covid existente ou das infeccións por SARS-CoV-2, que se dan pero das que nada se sabe. O que si é real é a situación dos hospitais e das UCI. E agora mesmo, en comparación cos anos previos, a situación é boa. A ocupación por SARS-Cov-2 é baixa. Mais que esteamos mellor non significa que esteamos a cero nin que non haxa mortalidade por este motivo, porque segue habendo, pero non é comparábel coa que tiñamos hai dous anos.

—Quen ocupan as camas de hospitalización Covid?
Adoitan ser persoas con algún grao de inmunosupresión, que son as máis vulnerábeis a ter enfermidade grave. É un dos principais factores de risco, sobre todo no caso de doentes hematolóxicos, transplantados ou con tratamentos como o rituximab. Son persoas de máis risco malia estaren vacinadas, porque a súa resposta vacinal, moitas veces, tamén é máis pobre. Outros factores de risco importantes son a idade e as comorbilidades, como a obesidade, a hipertensión ou a diabetes, que son as que máis propensión dan. Despois, as persoas non vacinadas tamén son máis vulnerábeis a unha doenza grave que as vacinadas.

—Visitan con frecuencia este perfil de paciente Covid?
Realmente agora hai poucas persoas sen vacinar. Para nós 'non vacinada' significa que non estivo exposta ao virus, nin vía fármaco nin vía infección. Tanto na Galiza como no resto do Estado vacinouse moi ben. Ademais, moitas das persoas que non levaron ningunha picada tiveron exposicións previas ao virus e obtiveron algún tipo de inmunización, por contaxio, nunha ocasión ou máis nestes tres anos. Polo tanto é unha situación pouco frecuente nos hospitais, agora. O perfil de paciente Covid hospitalizado é o dunha persoa inmunosuprimida ou de idade avanzada.

—A vacinación segue a ser a mellor protección fronte á Covid?
Si, a cuarta dose é necesaria e mellor se se pon a vacina bivalente. É necesaria porque a resposta das vacinas non perdura ao longo do tempo. O noso nivel de anticorpos decae. Pero cada reforzo reactiva a nosa inmunidade fronte ao virus.

No momento actual é especialmente importante porque coas variantes de Ómicron circulantes –BQ.1.1 e XBB– a resposta das vacinas é máis pobre. Ademais hai que ter en conta que agora se está administrar unha vacina bivalente que nos protexe contra o virus ancestral e tamén contra algunha subvariante de Ómicron que mellora moito a resposta ante calquera variante.

—Mellorar a protección fronte á Covid é un dos grandes desafíos, mais tamén responder á Covid persistente. É unha realidade?
É unha realidade que tivemos que coñecer e clasificar. Sabemos que hai distintas formas de síndromes poscovid. Hai quen manifesta secuelas de tipo respiratorio, quen presenta consecuencias de tipo neuropsiquiátrico –alteracións do sono, ansiedade– e quen manifesta trastornos neurolóxicos –perda de forza, cefaleas–.

O primeiro é coñecer todas as súas formas para despois propor operativos que permitan avaliar e  mellorar a calidade de vida das persoas. Ten que haber unidades funcionais multidisciplinares. Do contrario vai ser moi complicado manexalo. É complexo pero é necesario e estase traballando neste sentido. 

A fin da emerxencia sanitaria

Chegou o momento de pórlle fin á emerxencia sanitaria pola Covid? Para Álvaro Mena, "esas declaracións son, moitas veces, unha cuestión máis política que sanitaria. Desde a nosa óptica é importante que non se quite o foco da Covid, polas necesidades da poboación pero tamén do desenvolvemento científico. É necesario dispor de recursos e procurar vacinas mellores. As actuais son moi boas para protexer fronte a doenza grave, pero o poder esterilizante é pobre. Precisamos vacinas máis eficaces fronte ao contaxio. Por que o virus está aquí para quedar. Ten unha capacidade de mutación moi alta e ante iso precisamos unha capacidade de reacción rápida. Manter o foco significa que os observatorios internacionais seguirán a monitorizar o virus e que disporemos de información libre e aberta".