Aluvión de alegacións ao parque eólico de Caaveiro

Parque eólico en Ordes. (Foto: Europa Press)

O de Caaveiro forma parte dun macroparque co que a promotora quere instalar 611 megawatts de potencia na zona a través de seis polígonos

O proxecto de Enel Green Power España para instalar un parque eólico de 14 aeroxeradores e infraestruturas de evacuación nos concellos de Fene, Neda, Cabanas, A Capela, San Sadurniño e As Pontes está a xerar un rexeitamento xeneralizado entre a veciñanza do seis municipios afectados.

O período de información pública do estudo de impacto ambiental e da solicitude de autorización administrativa previa finaliza esta terza feira, día 27, e en total son xa preto dun milleiro as alegacións presentadas, tanto das administracións locais como da propia cidadanía, xa sexa a título individual, xa sexa a través das plataformas de oposición á devandita instalación.

O de Caaveiro (78 megawatts) forma parte dun macroparque co que a promotora quere instalar 611 megawatts de potencia na zona a través de seis polígonos.

Á marxe do de Caaveiro, o proxecto inclúe outros cinco: o de Badulaque (90 MW e que afecta os municipios de Valdoviño, Cedeira, Cerdido, Moeche, As Somozas e As Pontes); Barqueiro (de 150 MW nos concellos de Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Cerdido, Moeche, As Somozas e As Pontes); Moeche (de 53 MW en San Sadurniño, Moeche, As Somozas e As Pontes); Santuario (de 180 MW nas Pontes, Xermade, Vilalba e Guitiriz) e Tesouro, de 60 megawatts, nas Pontes e A Capela. Neste último, o prazo para presentar alegacións tamén conclúe esta terza feira.

O tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela, confirmou que o Concello presentará esta segunda feira as súas alegacións. Son sete e súmanse ás que presentaron as veciñas e os veciños nas últimas semanas.

Informe desfavorábel da Xunta

Ademais das afeccións á fauna e a flora, ao patrimonio cultural, ás actividades agropecuarias e forestais, aos programas de turismo e ao propio benestar dos habitantes -pola proximidade das instalacións a algunhas vivendas-, as obxeccións remiten tamén ao informe desfavorábel da Xunta por estar proxectado fóra das áreas de desenvolvemento eólico fixados na súa normativa pola Administración autonómica.

En Neda, por exemplo, alegaron preto de medio milleiro de veciñas e veciños. No caso de San Sadurniño, o seu alcalde, Secundino García, lembrou que a través do servizo de asesoramento activado para canalizar o rexeitamento da cidadanía recolléronse 180 alegacións, ás que hai que sumar as que rexistrarán varios veciños e veciñas a título individual.

O propio Concello, explicou este mediodía, presentará as súas nas próximas horas, que están en sintonía coas que xa se tramitaron, ademais de engadir o informe desfavorábel da Xunta. "Entendemos", sinalou García, "que a intención da promotora de instalar este parque non prosperará".