As alumnas que non poidan concorrer á ABAU en xullo pola Covid-19 deberán agardar un ano

Un examen da ABAU en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Transcende o caso dunha viguesa de 18 anos, Laura Rey, que non pode concorrer a esta segunda convocatoria porque ten a obriga de estar illada até a quinta feira. A CiUG di que "non hai marxe para atrasar exames".

O acceso á universidade para aquelas mozas e mozos galegos que non poidan concorrer á Avaliación de Bacharelato de Acceso á Universidade (ABAU) esta semana debido á Covid-19 terá que agardar un ano. Así o confirmou a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) despois de que xurdira unha denuncia puntual.

Se no momento da convocatoria extraordinaria das probas, agora en xullo, as alumnas e alumnos dan positivo por coronavirus ou teñen que gardar corentena pola proximidade con algunha persoa infectada, non volverán ter a oportunidade de presentarse até as convocatorias previstas para finais do próximo curso lectivo.

O protocolo sanitario da CiUG só ten incluído, no apartado 6, a posibilidade de que alguén que estivera na mesma situación en xuño realizara os exames este mes. Non se recolle a mesma opción para as e os candidatos de xullo.

O presidente este organismo, Pedro Armas, aclarou a Europa Press que non é posíbel dar cabida a novas probas neste ano porque "non hai marxe" debido aos prazos de preinscrición e matrícula nas universidades. "Non hai marxe para atrasar exames e atender a cada caso particular. Lamentándoo moito, é unha cuestión de procedementos e de prazos", destaca o representante da comisión.

No entanto, que o protocolo xa tivera advertidas estas datas non fai que algunhas persoas aludan á imposibilidade facer a ABAU coma unha situación "sorprendente". Así o dixo, por exemplo, Nuria Rodríguez, unha nai de Vigo que denuncia o problema dunha amiga da súa filla.

"Non se trata de ter exames durante todo o verán, pero estou segura que algunha solución poderían ter e se non a atopan polo menos deixemos de chamar irresponsábeis aos mozos cando están a facer probas con eles abrindo discotecas para coñecer o impacto dos contaxios", lamenta a través dun correo electrónico que distribuíu aos medios.

"Perder un ano da vida"

Desde o seu punto de vista, as normas veñen a "incitar a delinquir" á mocidade e "saltarse a corentena" para poder acceder á universidade. A amiga da súa filla chámase Laura Rey, unha moza de 18 anos, tamén de Vigo, que non se puido presentar á convocatoria de xullo porque deu positivo e a normativa sanitaria prescríbelle illamento até esta quinta feira, día 15, precisamente a última xornada das probas de selectividade.

A estudante xa fixera a ABAU en xuño e obtivo un 10,4 de cualificación, pero quedou tres décimas por baixo da nota de corte para acceder ao dobre grao de Publicidade e ADE na Universidade Rey Juan Carlos (URJC) de Madrid. Por iso, decidiu ir á convocatoria de xullo para poder subir a puntuación da parte optativa, algo que ao final non poderá realizar. "Tiven a sorte de que non me pillou a Covid na convocatoria ordinaria", reflexiona a rapaza, porque as persoas que non fixeran esa primeira proba "perden un ano da súa vida".