O alumnado de Folgoso non irá a aulas esta semana en defensa do transporte no Courel

Lourdes González, terceira pola esquerda (abaixo), nunha protesta da comunidade educativa en Folgoso (Foto: Nós Diario)
A comunidade escolar de Folgoso do Courel está en protesta pola substitución que prepara a Xunta do actual servizo de transportes (taxis) por uns autobuses que, debido ao seu tamaño, non poderán atravesar as rúas do concello, deixando sen traballo seis familias de transportistas de Folgoso e obrigando o alumnado a desprazarse para coller os novos autobuses, soportando un clima adverso e baixas temperaturas. Nós Diario conversa sobre a problemática con Lourdes González, directora do CEIP Poeta Uxío Novoneyra.
 

Nais e pais de Folgoso do Courel non enviarán as crianzas a aulas esta semana -ao igual que fixeron a pasada sexta feira- en sinal de protesta contra a eliminación do actual servizo de transporte escolar (son seis taxis de transportistas que residen no concello coas súas familias) e que a Xunta pretende substituír por micro autobuses que, polas súas dimensións, non poderán entrar polas rúas de Folgoso. 

Nós Diario conversa sobre a problemática con Lourdes González, directora do CPI Poeta Uxío Novoneyra, que explica a este xornal a existencia dunha nova contratación relativa ao transporte escolar a partir do curso 2021/2022 por parte da Consellaría Educación e na que se opta por unha contratación do transporte escolar en lote dos concellos de Folgoso do Courel, Pobra de Brollón, Bóveda, O Incio, Ribas de Sil e dun IES de Monforte de Lemos (IES Daviña Rey).

A cuestión é que nestes momentos, no concello de Folgoso do Courel, o transporte escolar está a ser realizado por taxistas autónomos e residentes no concello, que non posúen os medios materiais para realizar o transporte de cinco concellos máis, ademais do de Folgoso do Courel. 

A substitución dos taxis suporía a perda do traballo para seis familias de Folgoso e deixaría o concello sen este servizo

Lourdes González explica como a contratación que está a propor a Consellaría imposibilita na práctica que estas persoas poidan continuar co seu traballo no transporte escolar. Isto provocaría non só unha perda económica para cada un dos taxistas, senón o feche desta actividade económica para eles, perdendo o concello postos de traballo e o servizo de taxi, argumenta a directora.

“Con con esta contratación non só non se presta atención á nosa zona de montaña, senón que se produce un empeoramento da súa situación actual a nivel social e económico”, di González, que sinala que o servizo de transporte tamén empeoraría xa que, actualmente, as furgonetas-taxis están a recoller as crianzas nas súas casas mais agora, cos autobuses, ao estes non poderen entrar polo seu tamaño nas rúas de Folgoso, o alumnado terá que desprazarse varios quilómetros, en función de cada caso, nun concello que rexistra baixas temperaturas, xa que se trata dunha zona de montaña caracterizada por climatoloxía adversa gran parte do ano. “Pode que a alguén non lle pareza moito que un neno teña que recorrer dous quilómetros", di Lourdes, recordando as duras temperaturas que van a primeira hora fa mañá no Coruel

Tamén engade que a velocidade de circulación dun autobús é inferior á que pode circular unha furgoneta polo que ademais de reducírense o número de rutas (na actualidade 6 e coa nova proposta 4) os tempos reais dos percorridos provocarán que o alumnado estea máis dunha hora no transporte escolar, contradicindo o Real Decreto 443/2001 que recolle que o tempo de permanencia no transporte escolar non pode exceder unha hora por cada sentido da viaxe.

A nivel económico Lourdes González sinala que de levarse a cabo a substitución, “prexudicaría até seis familias de trasnportistas que viven e traballan neste concello”. De feito, engade a directora, “hai unha persoa que se fixo transportista para poder levar a sua filla ao colexio, porque ningún transporte ía até perto da súa morada”. 

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, afirmou no transcurso dun acto a pasada semana que o servizo de taxis neste concello é histórico pero que a actual normativa obriga a sacalo a concurso. Dixo que están a estudar o tema mais aínda non se dirixiron á comunidade educativa de Folgoso nin aos traballadores afectados. 

Esta semana a previsión é que o alumnado tampouco vaia a clase para manter a protesta. O prazo desta nova contratación remata o próximo 18 de xaneiro e as familias seguirán protestando para solucionalo. 

Desde a Anpa do CEIP Poeta Uxío Novoneyra informaron de que haberá cazoladas diarias en defensa do transporte escolar do Courel e o vindeiro 13 de xaneiro concentraranse diante do edificio administrativo da Xunta da Galiza en Lugo.
Por outra banda a asociación de nais e pais do colexio de Courel solicitou unha reunión con inspección de Educación da provincia de Lugo. Aínda non recibiron resposta ao respecto, segundo sinalan.

Pola súa banda, o pleno do Concello de Folgoso do Courel acordou exixir á Xunta que modifique ou anule a contratación do transporte escolar na zona, tal e como está agora, porque contempla “fallos técnicos” e de sustento para o municipio.