Estudantes da FP Dual de Enfermaría queren comezar o período de prácticas

O alumnado da FP Dual de Coidados Auxiliares de Enfermaría pide poder realizar as prácticas

Alumnado de enfermaría e medicina (Foto: Europa Press)
O alumnado da FP Dual de Coidados Auxiliares de Enfermaría da Galiza mostra a súa desconformidade coa situación que está a vivir en relación ás prácticas en residencias.

Actualmente, existen tres FP Dual de Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) na Galiza impartidos nas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Ourense.

Segundo unha resolución do ámbito de Política Social publicada no mes de setembro, o alumnado da FP Dual faría prácticas remuneradas en residencias cun convenio con DomusVi, que xestiona a maior rede de residencias de persoas maiores do Estado español, a partir de marzo. Porén, o mes xa está rematando e as estudantes da FP Dual aínda non comezaron o seu período de prácticas.

Tras unha reunión coa coordinadora de DomusVi, preténdese que o alumnado comece as súas prácticas a partir do 12 de abril, data que aínda non se confirmou e que parece, segundo as persoas afectadas, algo optimista.

Esta situación está a suceder nas tres FP Dual de TCAE galegas e nalgunhas FP da área sociosanitaria; en total o número de persoas prexudicadas son arredor de 60, dado que cada FP Dual conta cun grupo de 12 estudantes.

O problema que xorde ante esta situación é que unha gran parte do alumnado contaba con ter xa a remuneración das prácticas. Ademais, como o curso aínda non está rematado, os e as estudantes destas FP seguen a dar clase desde comezos de mes e é posíbel que finalicen os estudos sen ter levado a cabo o seu período de prácticas e residencias.

As persoas afectadas por esta situación afirman que se sinten moi abandonadas e piden que lles dean a posibilidade de realizar as prácticas que se lles prometera nun comezo.