Alumnado de Carballo fica sen prazas no transporte escolar da Xunta

Estudantes de Carballo con dereito a transporte escolar teñen que ir andando aos centros porque os vehículos van completos. (Foto: Europa Press)

O Goberno galego non garante o uso do autobús a quen ten dereito de uso.

Nais e os pais do alumnado do IES Monte Neme de Carballo levan denunciando desde comezo de curso a ineficacia do transporte público escolar. Critican que a mala xestión por parte da Consellaría de Educación está a provocar que suban aos autobuses persoas que non están autorizadas a acceder ao transporte escolar e que, consecuentemente, aqueles rapaces e rapazas que si contan con esa autorización non teñan praza no vehículo. 

No instituto IES Monte Neme, arredor de 200 alumnos e alumnas teñen dereito ao acceso do transporte escolar. Esta rapazada corresponde aos cursos da ESO e de Formación Profesional ou vive a máis de dous quilómetros de distancia do centro. Porén, en numerosas ocasións, persoas de maior idade soben aos buses cando non deben e os de cursos máis baixos vense na obriga de, en moitos casos, desprazárense ao instituto a pé. Ademais, nais e pais tamén denuncian que, mesmo podendo o alumnado desprazarse no transporte escolar, ante a insuficiencia de prazas, moitos rapaces e rapazas teñen que ir de pé ou sentados nas escaleiras.

Estas denuncias contan co apoio do equipo directivo do IES Monte Neme, desde onde xa contactaron coas Consellarías responsábeis, a de Educación e a de Mobilidade, (coas que Nós Diario tamén intentou contactar, sen resposta), para informar da problemática. Porén, a Xunta non puxo remedio á situación que o alumnado do centro está a vivir. No propio centro prepararon carnés para o alumnado que ten dereito ao transporte escolar e así procurar que exista un maior control, pero os e as estudantes sosteñen que non se comproba quen ten a identificación na entrada ao vehículo.

O deputado do BNG Daniel Pérez, que leva denunciando esta situación desde comezo de curso, explica a Nós Diario que “non sei se é un problema de que soben ao autobús persoas usuarias que non teñen dereito ao transporte escolar, iso é algo que ten que aclarar a Consellaría de Educación”. Pero "alumnado con dereito a transporte escolar atópase coa imposibilidade de subir ao autobus porque cando chega xa está cheo", critica.

Outra das demandas que sosteñen é que os autobuses de chegada ao instituto e os de saída realicen as mesmas rutas, pois hai estudantes que teñen que baixar en paradas que non lles corresponden ou realizar transbordos con outros autobuses xa que nun dos percorridos o transporte escolar non pasa polas súas casas.

A debate no Parlamento

Ante esta situación, Pérez levou ao Parlamento unha serie de iniciativas para resolver a problemática. Entre elas, “preguntamos se a Consellería é sabedora desta situación e que medidas teñen pensado tomar”. Ademais “instamos a Xunta a que solucione de inmediato o problema de transporte que existe no IES Monte Neme para que o alumnado que teña dereito ao uso dos buses non se vexa privado del só porque non hai sitios suficientes”.

Tanto o BNG como as familias afectadas do centro piden un maior control do alumnado que pode acceder ao transporte. De feito, o centro xa enviara á Consellaría unha lista daqueles estudantes que contan con tal autorización e, aínda así, critican que non se controle. “A Xunta é a máxima responsábel de que este dereito se cumpra”, conclúe Pérez.

Anpas de toda a Galiza denuncian os atrasos dos autobuses

Os centros educativos da Galiza levan desde comezo de curso experimentando problemas con respecto ao transporte escolar. O nacionalista Daniel Pérez sostén que todo nace dunha "mala planificación" que continúa a provocar que os autobuses se atrasen -e que o alumnado chegue tarde-, que non haxa prazas suficientes, que non se respecten as liñas das rutas estabelecidas e incluso que as crianzas non viaxen en boas condicións.