Alumnado de Arzúa visita a mina de Touro

Antiga explotación de cobre de Touro (Imaxe: Adega)
A Rede Contraminacción denuncia a actividade sinalando que se "manipula" crianzas para convencelos das "bondades" de proxectos extractivistas como o que se proxecta en Touro.

Alumnado do CEIP de Arzúa realizou unha visita ás instalacións da antiga mina de cobre en Touro. Durante a excursión, segundo denuncia a Rede contra a Minaría Destrutiva da Galiza (ContraminAcción), explicáronlles os efectos positivos da minaría no territorio. Adoutrinándoos nas supostas bondades dunha actividade que segue a provocar a contaminación do sistema fluvial do Ulla por metais pesados”, afirma ContraminAcción.

A visita foi organizada pola ex-coordinadora do Partido Popular en Arzúa, a día de hoxe responsábel da administración da empresa Cobre San Rafael. A compañía é a actual dona dos dereitos mineiros, e impulsora dun proxecto ao que se opón gran parte da veciñanza do concello de Touro, do veciño O Pino e doutras comarcas galegas, así como asociacións ecoloxistas e forzas políticas. 

A actividade foi relatada no portal dixital do alumnado, baixo o título 'Mina de Touro...unha saída moi épica'. Na publicación o alumnado compartiu as súas imaxes nas instalacións, nas que, relatan, "vimos todo o proceso a seguir para obter o cobre" e "visitamos un laboratorio xeoquímico". Logo da excursión a rapazada debuxou imaxes da explotación en funcionamento.

“Desde Contraminacción enviamos unha carta á directiva do CEIP de Arzúa, para poñer no seu coñecemento estes feitos e invitalos a participar das actividades da Fundación Montescola e do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, dentro do programa ‘A mina contamina’”, declara a rede nun comunicado, tras expresar a súa preocupación pola tipoloxía de actividades que promove o centro.