As altas temperaturas causan unha morte ao día na Galiza

Terrazas baleiras en Ourense por mor da calor extrema, que segue sen remitir. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Calor, bochorno, fogaxe. Xuño, e previamente maio, está a ser un mes marcado por temperaturas máis altas do normal na Galiza, coas consecuencias que iso implica, tamén en canto á saúde. Do 1 de xuño ao 18 dese mesmo mes as altas temperaturas foron a causa do falecemento de 14 persoas na Galiza, case unha por día.

Catorce persoas perderon a vida nas dúas primeiras semanas de xuño na Galiza por mor das altas temperaturas. Na súa maioría mulleres (10) e de avanzada idade —11 das persoas mortas tiñan máis de 85 anos—.  Estas 14 persoas son tres máis que no mesmo período de 2022, cando tamén as vagas de calor se deixaron notar no país.

O sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MOMO) do Instituto Carlos III recolle día a día todas as persoas falecidas no Estado, indicando tamén as diversas causas da mortaldade. E, desde maio, a calor figura como unha das responsábeis na Galiza de mortes "atribuíbeis á temperatura". O sistema cifra en 236 as persoas que ao longo do ano pasado faleceron na Galiza por causas vinculadas ás altas temperaturas após sufrir o país e o resto do Estado unha das maiores vagas de calor da historia, tanto en intensidade como en duración.

No outro extremo están os falecementos derivados do frío, das baixas temperaturas. Aquí, o sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas recolle que entre xaneiro e marzo de 2023 perderon a vida 200 persoas. É o duplo que no mesmo trimestre do ano anterior, 2022, cando os falecementos por estas circunstancias foran un total 101.

Frío e calor

A mortalidade que se atribúe á calor ou ao frío moi poucas veces é causada directamente por un golpe de calor ou por conxelación. O que realmente fai a calor ou o frío "é agravar outras patoloxías que xa existen, é dicir, actúa igual que a contaminación, que empeora outras enfermidades, principalmente respiratorias, circulatorias, neurolóxicas ou endocrinas", segundo explica Julio Díaz, codirector da Unidade de Cambio Climático e Saúde do Instituto de Saúde Carlos III. A consecuencia máis extrema é a morte.

"A primeira vaga de calor ou de frío leva á mortalidade aquelas persoas que están máis graves", indica. "Cunha maior duración, o impacto vaise acumulando". A mortaldade como consecuencia das vagas de calor é cada vez máis preocupante. A prestixiosa revista The Lancet rexistraba máis de 356.000 persoas falecidas por mor da calor extrema en 2019 en todo o mundo.

"Superior á normal"

A Axencia Española de Meteoroloxía (Aemet) xa apuntaba a mediados do pasado mes de marzo que maio e xuño ían ser meses na Galiza cunha temperatura "superior á normal". O meteorólogo da delegación da axencia na Galiza, Rafael Sánchez, explicou que a previsión é que haxa "unhas temperaturas máis altas das normais".

Na Galiza, o inverno pasado foi chuvioso e cálido, cunha temperatura media de 8,9 graos centígrados, o que supón  0,9 por riba da media e completa unha serie de cinco invernos consecutivos cálidos. Un síntoma do aumento global de temperaturas. O carácter cálido do inverno estivo ligado ao comportamento do mes de decembro, o terceiro máis cálido da serie, desde 1961.