As altas temperaturas causan 49 mortes na Galiza no que vai de mes

Persoas camiñando pola cidade de Ourense durante a vaga de calor. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Nas mesmas semanas de setembro pasado houbo só 3 falecidos.

Corenta e nove persoas perderon a vida na Galiza entre 1 e 17 de setembro por causas atribuíbeis ás altas temperaturas, que tán a marcar rexistros por riba do que é habitual nesta época do ano. Eses 49 falecementos é un número considerabelmente superior ás persoas que morreron nese mesmo período en 2022 e 2021 por motivos atribuíbeis á temperatura: 3 e 14, respectivamente.

O sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MOMO) do Instituto Carlos III recolle día a día todas as persoas falecidas no Estado, indicando tamén as diversas causas da mortaldade.

Neste sistema, a calor figura como unha das responsábeis na Galiza de mortes "atribuíbeis á temperatura". Se no que vai de setembro os mortos abeiraron o medio cento, o pasado mes de agosto foron 167 e en xullo, 39. En total, de 1 de xullo a 17 de setembro as altas temperaturas son responsábeis de 255 falecementos, na súa maioría mulleres: 186 fronte a 69 homes.

Frío e calor

A mortalidade que se atribúe á calor moi poucas veces é causada directamente por un golpe de calor. O que realmente fai a calor ou o frío "é agravar outras patoloxías que xa existen, é dicir, actúa igual que a contaminación, que empeora outras enfermidades, principalmente respiratorias, circulatorias, neurolóxicas ou endocrinas", segundo explica Julio Díaz, codirector da Unidade de Cambio Climático e Saúde do Instituto de Saúde Carlos III. A consecuencia máis extrema é a morte. "A primeira vaga de calor oleva á mortalidade aquelas persoas que están máis graves", indica. "Cunha maior duración, o impacto vaise acumulando".

No outro extremo están os falecementos derivados do frío, das baixas temperaturas. Aquí, o sistema de monitorización rexistra que entre xaneiro e marzo de 2023 perderon a vida 200 persoas na Galiza.