Mobilidade

A alta velocidade ferroviaria, até cinco veces máis cara na Galiza que en Catalunya e Valéncia

Tren Avlo de baixo custo de Renfe que inaugurou a liña Murcia-Madrid o pasado 10 de decembro de 2023. (Foto: Edu Botella / Europa Press).
Escollendo como referencia o día de hoxe, o traxecto máis económico entre Santiago de Compostela e Madrid (486 km) sería o realizado a través do Avant e o Alvia, cunha duración de 4.05 horas e un prezo de 56,10 euros.

Na xornada desta segunda feira Renfe puxo á venda os billetes a prezo reducido (25 euros) como compensación polo atraso na chegada dos trens Avril á Galiza. Porén, a súa validez contará a partir do 1 de abril, unha vez rematada a Semana Santa. Porén, importes semellantes ao anunciado polo Goberno Español xa existen noutros traxectos, como o que comunica Barcelona con Madrid.

Nalgunhas liñas, como as que transcorren por Catalunya, o País Valencià e Andalucía, coa presenza de novas operadoras privadas, a tarifa chega a ser cinco veces máis económica que na Galiza.

Máis caro e cun traxecto de menos quilómetros

Escollendo como referencia o día de hoxe, o traxecto máis económico entre Santiago de Compostela e Madrid (486 km) sería o realizado a través do Avant e o Alvia, cunha duración de 4.05 horas e un prezo de 56,10 euros (0,11 euros/km). Cunha duración menor, 2.58 minutos, sería o que emprega Avant e AVE cun custo de 63.30 euros (0,13/km).

Na mesma xornada, mais nun traxecto maior, no que comunica Barcelona con Madrid (506 quilómetros), Renfe conta cun convoi Avlo que tarda 2.45 horas en conectar ambas as dúas cidades tamén por 25 euros (0,04 euros/km). Porén, neste mesmo traxecto conta con outras operadoras privadas, como é o caso da hispano-italiana Iryo, que realiza o mesmo percorrido no mesmo tempo a un prezo de 30,75 euros.

A competencia

A chegada de empresas como Iryo ou a francesa Ouigo modificou frecuencias, horarios e prezos nos territorios onde traballan. No caso das tarifas polo mesmo traxecto, obrigaron a reducir as que xa tiña Renfe antes da súa chegada. Por exemplo, no traxecto que comunica Valéncia con Madrid (303 quilómetros), o prezo máis económico é de Avlo por comunicar ambas as dúas cidades en 1.57 horas é de 7 euros (0,02 euros/Km), seguido de Ouigo, que ten a tarifa á venda en 9 euros e reduce o tempo da viaxe en catro minutos.

Un caso semellante acontece no traxecto que une as cidades de Barcelona e Alacant (408 quilómetros). Para esta terza feira hai billetes de Ouigo a 9 euros (0,02 euros/km) para facer esta viaxe que ten unha duración de 1.53 horas. Seguiríao en prezo económico o AVE (10,80 euros) e Iryo (14,26 euros).

Sen bonificación nesta Semana Santa

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora, Carme da Silva, anunciaron que, a través de varias iniciativas parlamentares, reclamarán a Renfe que revise as tarifas dos trens Alvia a Galiza, uns prezos que experimentaron grandes  incrementos nos días de Semana Santa e nas fins de semana, sobre todo despois de que non se puxeran en venda os billetes anunciados para os Avril.

Pola súa parte, Renfe lanzou un ultimato a Talgo para que explique os atrasos na entrega dos trens antes do próximo 15 de marzo, aumentando a 167 millóns de euros a reclamación económica. Ademais,  lémbralle ao fabricante de trens que, a partir do 1 de abril, iranse sumando 80.000 euros diarios en concepto de danos e prexuízos.

As colas virtuais para comprar os billetes superan os 15 minutos

As usuarias e os usuarios tiveron que agardar durante varios minutos na mañá desta segunda feira, a través dunha cola virtual, para poder acceder á páxina web de Renfe e comprar billetes de tren a 25 euros para viaxar entre Madrid e a Galiza o próximo mes de abril. Durante toda a mañá a páxina web da compañía tivo problemas para soportar a alta demanda dos viaxeiros, rexistrándose varios erros e colas de máis de 15 minutos de espera para logo non permitir comprar o billete.

Segundo explicou o Goberno español, os billetes que puxo a disposición do público Renfe deberanse adquirir cunha antelación mínima de 10 días con relación á data de viaxe. Esta segunda feira había posibilidade de adquirir asentos por 25 euros desde as distintas cidades da Galiza até Madrid entre o 1  de abril e o 6 de maio, con 2.000 prazas cada semana  a ese prezo.