Madrid, factor clave no mapa galego da COVID-19

O informe sinala o persoal sanitario como principal baluarte do sistema de saúde. (Europa Press)
A pandemia puxo de manifesto a precariedade da sanidade pública, avanzan expertas sanitarias do PSdeG nun informe que analiza os datos da COVID-19 na Galiza e sinala as necesidades de transformación e mellora do sistema de saúde. Detección precoz, Atención Primaria e investigación son algunhas das chaves.

"Galiza debe asumir as súas responsabilidades. De maneira sinalada nas residencias de maiores, pola insuficiencia de reacción e mecanismos de protección axeitados”, mais tamén co “necesario fortalecemento do sistema sanitario público, para estar mellor preparados para o futuro".

Son dúas das primeiras conclusións do grupo de expertas sanitarias do PsdeG encargado de examinar a pegada da pandemia provocada polo novo coronavirus na Galiza. O informe, elaborado, entre outras, pola ex conselleira de Sanidade María José Rubio e polo ex director de Saúde Pública Ramón Medina, fai memoria dos últimos 15 anos de políticas sanitarias e detense na crise provocada pola propagación do SARS-CoV-2.

"Esta pandemia puxo de manifesto a precariedade da estrutura de Saúde Pública do sistema sanitario, moi especialmente na Galiza, onde a Dirección Xeral responsábel padece unha situación crítica cunha manifesta escaseza de medios humanos e materiais”, sinalan as expertas.

O informe parte dos efectos do confinamento e da limitación da mobilidade, cando o virus aínda "circulara moi pouco" polo territorio galego. Estas medidas permitiron frear os contaxios e reducir o impacto que o coronavirus acadou noutros puntos do Estado, mais pon de relevo a necesidade de matizar a interpretación dos principais indicadores da crise no país. O virus "circulou pouco" na Galiza e isto, din, obriga a puntualizar as primeiras impresións sobre os datos de mortalidade, letalidade, hospitalización e ingresos en UCI, advirte.

Neste sentido, as expertas botan man dos estudos de seroprevalencia impulsados polos Gobernos do Estado e da Xunta, "que iniciou o seu propio sen xustificación da motivación", no canto de usalos para facerlle test "ao persoal sanitario ou das residencias".

Letalidade real máis alta

Dos resultados iniciais ofrecidos polo estudo estatal deducen que "o factor 'Madrid' foi esencial e decisivo na propagación do virus". Dos datos autonómicos apuntan, dunha banda, un risco superior de "posíbeis rebrotes", á vista de que só se contaxiou arredor de 2% da poboación.

Así, destacan, o impacto da letalidade real na Galiza é maior. "Se na nosa comunidade a circulación do virus foi tan baixa, a realidade é que o seu impacto nos falecementos foi maior porque o volume de falecidos por contaxios é máis alto", o que pon en evidencia, din, "o pretendido discurso da anticipación falaz da Xunta, xa que, de asumir o estudo serolóxico, o dano que fixo a COVID-19 na Galiza foi dos máis elevados do Estado".

O informe salienta ademais a influencia dos casos importados desde Madrid e a entrada do virus desde Castela e León, dúas vías de contaxio, entre outras, que axudan a explicar o mapa galego de seroprevalencia.

Residencias de maiores

"O Goberno do PP é responsábel de non abrir residencias públicas de maiores nunha década e é responsábel do abandono de funcións nos seus deberes de inspección e control nas residencias privadas", sinala o informe elaborado por expertas sanitarias do PSdeG. Neste ámbito, asumen necesidades de mellora, ao igual que no conxunto do sistema sanitario, atafegado polos recortes, a precariedade laboral, unhas urxencias saturadas e unha "atención primaria minusvalorada".

Neste contexto, recalcan o labor do persoal sanitario. "É o elemento central do sistema, e na Galiza pódese considerar que funciona grazas ao persoal e a pesar dos seus dirixentes".
A maiores, o informe considera importante reforzar a Atención Primaria mediante a implantación dun novo modelo de xestión, así como avanzar no recoñecemento da especialización dos servizos de urxencias sanitarias e hospitalarias.

Futuro

A curto prazo, o informe urxe "unha resposta rápida e inmediata a unha nova onda de contaxios, así como a optimización dos protocolos de detección de casos". A longo prazo, mantén que hai que fortalecer a capacidade de coordinar o sistema sanitario. "A Atención Primaria debe gañar contacto e capacidade asistencial". E tamén sinala a necesidade de apostar pola inovación e o uso das novas tecnoloxías a canda a investigación. "O programa de investigación sanitaria da Xunta recurtou 11,5% os seus fondos en dous anos. É necesario un pacto pola investigación".