Unha tromba de auga de "alta intensidade" anega rúas e impacta en Santiago con coches atrapados

O temporal provocou numerosas incidencias. (Foto: Europa Press)
Unha muller tivo que ser axudada polos Bombeiros de Santiago a saír do coche na rotonda do Restollal.

O desfile de borrascas atlánticas que atravesa a península deixou na tarde desta cuarta feira fortes choivas a partir das 17.30 horas, momento no que a central de emerxencias do 112-Galiza empezou a rexistrar un incremento de incidencias que teñen a súa orixe no temporal.

No caso da capital galega, perto das 19 horas produciuse unha gran tromba de auga, precipitacións de "alta intensidade" que en apenas uns minutos supuxeron a caída de entre 25 e 30 litros por metro cadrado, o que impactou nas rúas deixando anegamentos.

O 112, pendente de facer balance xeral, notou o incremento de incidencias a partir das 17.30 horas desta tarde, pero constatou que foron incidencias "sen consideración" —ás 20 horas— e que se trata de rúas asolagadas e algún baixo asolagado.

Fontes consultadas pola axencia Europa Press explicaron que unha muller tivo que ser axudada polos Bombeiros de Santiago a saír do coche na rotonda do Restollal, ao quedar atrapada pola auga; mentres que os efectivos deste corpo tamén acudiron á zona de Fontiñas por coches afectados pola inundación, pero os seus ocupantes estaban fóra dos vehículos.