Alicia Arruti, moza galega que mudou o seu sexo: "Levaba moito tempo esperando este día"

Alicia Arruti ante os xulgados de Pontevedra (Foto: cedida).
Alicia Arruti é unha moza galega que esta quinta feira puido cambiar o seu nome de maneira oficial após a entrada en vigor da lei Trans. Arruti conversou con 'Nós Diario' para tratar como foi este día e a propia aprobación da lei.

Como viviu este día e como foi o proceso?

Vivino con moita ilusión. Tiven que madrugar moito, pero valeu a pena completamente, Levaba moito tempo esperando este día, miraba todos os días o móbil para ver se, por fin, entraba a lei en vigor.

Cal foi a súa reacción cando viu que se daba o paso de aprobar a lei Trans?

Foi unha celebración moi grande. É un paso moi importante non só para min senón tamén para moitas persoas que se senten como eu me sentía.

Cre que se gaña en dereitos coa entrada en vigor desta lei?

Completamente. Con todo, gustaríame matizar que aínda quedan cousas por facer. Faltan as persoas non binarias, as persoas migrantes etc.

Aínda quedan dereitos por conquistar, polo tanto. Non si?

A lei é un grande avance en dereitos pero si que é certo que hai cuestións que quedan por pulir.

Vostede é a representante do alumnado no IES de Ponte Caldelas. Está en posición de axudar persoas nunha situación semellante á súa?

Si, de feito xa estou a tratar con varias persoas trans do meu instituto.

Que espera do futuro? Que falta por facer para avanzar nos dereitos das persoas trans?

Falta concienciar a sociedade e facela entender que as persoas trans tamén somos persoas e que merecemos os mesmo dereitos que calquera. Aínda na actualidade vemos múltiples exemplos de como queda moito por avanzar e conquistar.