Alice, Goretti ou Pedro: así se chamarán as borrascas de alto impacto da tempada 2025-2026

Borrasca atlántica que afectou a Galiza en xaneiro de 2024, na Coruña. (Foto: M Dylan / Europa Press)

A nova tempada de borrascas comeza esta segunda feira, 1 de setembro.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) xa publicou a lista de borrascas de alto impacto para a tempada 2025-2026, que comeza esta segunda feira, 1 de setembro. Nesta ocasión, os nomes van desde Alice até Wilma, incluíndo outros como Marta, Pedro ou Leonardo.

Como explicou a Aemet na rede social X, de elaborar esta lista de nomes encárgase o Grupo Suroeste europeo, unha formación composta polos Servizos Meteorolóxicos Nacionais portugués, español, francés, belga, luxemburgués e andorrano. As axencias meteorolóxicas británica, holandesa e irlandesa tamén propoñen unha listaxe de identificativos para cada borrasca da temporada.

"A lista alterna nomes femininos e masculinos até un total de 21, acordados antes de que comece a tempada polos servizos meteorolóxicos que compoñen o grupo", puntualizaron.

Nomear as borrascas vén sendo habitual, unha práctica que as axencias meteorolóxicas estatais realizan para facilitar a súa comunicación ao público. Ao comezo de cada temporada publícanse os nomes dos temporais —un por cada letra do abecedario—, así que a primeira borrasca da tempada chamarase Alice e, a continuación, os seguintes nomes serán Benjamin, Claudia, Davide, Emilia, Francis, Goretti, Harry, Ingrid, Joseph, Kristin, Leonardo, Marta, Nils, Oriana, Pedro, Regina, Samuel, Therese, Vitor e Wilma.

Só reciben nome as borrascas que poidan provocar un grande impacto, con avisos en amplas zonas. Tal foi o caso na temporada pasada, por exemplo, de Kirk, Herminia ou Ivo. Nesta publicación de X, a Aemet explicou que hai dúas opcións: avisos laranxas ou vermellos debido a ventos moi fortes ou avisos laranxas e/ou vermellos por choivas ou nevadas xunto con avisos amarelos por vento.