Mar

"Alguén sabe que é isto?": as redes sociais, aliadas da biodiversidade

Exemplar de 'Actinia equina', tomate de mar, na contorna da Pedra dos Cadrís, en Muxía. (Foto: Eva Velasco).
Animais xelatinosos, peixes, mamíferos mariños. Á costa galega chegan cada ano centos de seres vivos que acaban nas galerías de imaxes de observadores anónimos. Moitas desas capturas dan o salto ás redes sociais, onde investigadores do IEO de Vigo atoparon miles de mostras para un mellor coñecemento da vida costeira.

Os proxectos de ciencia cidadá non só incentivan a participación do público xeral en actividades de investigación científica, tamén ofrecen maior visibilidade e impacto, amplían o acceso á información dispoñíbel e favorecen o descubrimento a través dunha investigación interconectada.

Unha das últimas experiencias impulsadas desde o Instituto Español de Oceanografía de Vigo ten a ver con esta forma de construír coñecemento. Persoal deste centro de investigación estudou a biodiversidade costeira da Galiza e do resto da península e das illas a partir dos achados que as persoas usuarias da rede social X foron compartindo ao longo dos anos.

"O coñecemento da biodiversidade mariña é vital para o desenvolvemento de políticas de conservación", explica a Nós Diario Pablo Otero, científico do grupo de oceanografía e lixo mariño do Oceanográfico de Vigo. Para preservar esta diversidade, "como recolle a directiva europea de estratexias mariñas, por exemplo, é importante saber como se distribúen as especies, que abundancia presentan e en que hábitats viven"; un coñecemento ao que se chega grazas aos moitos programas de monitorización que xa están en marcha e que se complementan "con observacións de ciencia cidadá", sinala Otero.

Ciencia cidadá pasiva

Os datos divulgados en redes sociais pola cidadanía tamén axudan a comprender as interaccións humanas co medio natural desde unha perspectiva actual. Para o persoal investigador é fundamental que a cidadanía saiba dos beneficios de informar dos achados que faga durante as súas saídas de lecer, "pero decatámonos de que esa observación activa é moi custosa, por iso pensamos nunha fórmula que nos permitise acceder aos seus descubrimentos de forma transparente".

Deseñaron un algoritmo que lles permitise rescatar as observacións pasivas da cidadanía ao carón do mar, nas praias, mensaxes xenéricas nas que as usuarias acompañaban unha fotografía de comentarios como: 'mira que atopei' ou 'alguén sabe que é isto?', "información que se adoita perder e que nós recuperamos". En concreto recompilaron perto de 11.000 mensaxes con información potencial, publicadas entre 2007 e 2022. "Unha vez revisadas, quedaron 600". Todas con información relevante, aclara Otero, "sen nesgos cara a ningún grupo taxonómico".

Posta de 'Aplysia punctata", lebre ou lesma de mar coñecida tamén como "borracha ou tinteira". (Foto: Eva Velasco).

Na Galiza descubriron numerosas observacións de peixes, mamíferos mariños e organismos xelatinosos. "Son frecuentes as varadas de cetáceos, a aparición de tartarugas mariñas e de organismos xelatinosos como as carabelas portuguesas ou caracoliños de mar que a xente non acaba de identificar".

Tras esta análise retrospectiva, Pablo Sousa confía en perfeccionar o algoritmo e lanzar un sistema de alerta que active os servizos adecuados ante a aparición dunha especie sensíbel ou dun animal varado. "As dificultades son moitas, sobre todo desde a chegada de Elon Musk a Twitter, pero as aínda así é posíbel seguir a recatar información útil".