“Algo se esconde”: a campaña que denuncia “ocultacións” da Xunta para favorecer proxectos mineiros

Terreos da antiga mina de Touro (Foto: Europa Press).

Entre os proxectos favorecidos sinalan o da Mina San Finx, “que foi reaberta sen avaliación de impacto ambiental”; ou a de Touro, “que busca a súa reapertura nos meses vindeiros, a pesar de informes negativos previos de Augas e Patrimonio”

Ecoloxistas en Acción pon en marcha a campaña "Algo se Esconde" para denunciar “a falta de transparencia da Xunta” na autorización de proxectos mineiros “altamente contaminantes”. Só nos últimos anos, indican, o Goberno galego aprobou proxectos para minas que non foron sometidas a avaliación ambiental, negou a personación no proceso de autorización tanto a organizacións ecoloxistas como a veciños e agochou información fundamental sobre os expedientes, que debería ser pública.

Lembran que esa actuación derivou en “numerosas denuncias xudiciais e queixas ante a Valedora do Pobo e outros organismos”, como no caso da mina de Touro, “na que participa un dos maiores contratistas da Xunta”.

A mineira acaba de anunciar a presentación dun novo proxecto neste concello, “a pesar da contaminación ambiental continuada, a oposición veciñal e os informes negativos tanto de Patrimonio como de Augas de Galiza para o primeiro proxecto”.

"Estes casos de ocultación de información á veciñanza e ás organizacións ecoloxistas non son illados: é un modus operandi da Xunta"

Outro caso que destacan é o da Mina San Finx, en cuxa reapertura déronse “numerosas irregularidades e que está en proceso de autorización de vertidos, aínda cando o proxecto non foi sometido a avaliación ambiental”.

Segundo Cristóbal López, representante de Ecoloxistas en Acción, "estes casos de ocultación de información á veciñanza e ás organizacións ecoloxistas non son illados: é un modus operandi da Xunta. A institución agocha expedientes, nega información sobre procesos en marcha e rexeita que as entidades que velamos polo medio ambiente nos personemos nos procesos que deberían ser públicos. Deste xeito, néganse os nosos dereitos fundamentais. E faise para favorecer proxectos que poñen en serio risco o medio ambiente e a saúde pública".

Mais non só denunciarán nesta campaña dos casos de San Finx ou Touro, tamén outros proxectos, como o de Alberta (concellos de Avión, Beariz, Forcarei, A Lama e Cerdedo-Cotobade), Varilongo (Santa Comba) ou Corcel (Castriz) e Penouta.