Entrevista

Alfonso Díaz, galego retido no Irán: "Interrogáronme durante sete horas e, ao final, convidáronme a unha cervexa"

Díaz no Irán (Foto: Alfonso Díaz)
Alfonso Díaz 'Foni' levaba dúas semanas e media visitando Irán cando Israel empezou a bombardear o país persa, o que coutou o seu plan de continuar a súa viaxe cara a Xeorxia. Ficou bloqueado en Irán, onde a gravación que fixo dun bazar acabou levándoo a ser retido polas autoridades por sospeitas de espionaxe. Finalmente, e após interrogatorio en galego incluído, ficou libre e puido voltar á Galiza. "En Irán a xente é marabillosa", di.

—Xa na casa?
Vou agora de camiño a Pontevedra no bus desde Madrid [a entrevista realizouse telefonicamente este domingo pola maña]. Chegamos o sábado no avión desde Irán. Xa teño ganas de estar na casa, si.

—Foi a Irán de turismo e atopouse vivindo o ataque de Israel.
Estiven dúas semanas e media por Irán, tranquilamente. É un país tranquilo, podes andar por el sen medo ningún a que che pase algo na rúa. O perigo que hai é que haxa un ataque israelí ou ianqui, que foi que aconteceu. Israel atacou cando eu xa estaba para saír de Irán con destino a Xeorxia.

—Colleuno a piques de embarcar nun avión.
Xa pasara o control de pasaportes no aeroporto e estaba agardando para marchar. Eran as catro da mañá e xusto foi o ataque de Israel, paralizando todo e obrigando fechar o espazo aéreo. Houbo un caos e era imposíbel atender toda a xente que estaba no aeroporto e que non eran turistas precisamnente, eran iranianos. Eu busqueime a vida e voltei ao hotel onde estivera.

Nos días anteriores estiven gravando sen problema por diferentes sitios. Son consciente de que nun estado de guerra as instalación militares non se deben gravar. Eu estaba gravando unhas imaxes no Bazar e houbo a mala sorte de que un militar moi novo que estaba por alí veume e xa me levou a unha instalación da policía dicindo “Israel, Israel”.

Foi providencial que neses momentos chamoume Néstor Rego [deputado do BNG no Congreso] e deume tempo a dicirlle que estaba nunhas instalacións da Policía.

—Foi interrogando durante sete horas.
Fun. O trato foi sempre correcto e amábel. Incluso me trouxeron para comer mais non me apetecía moito, a verdade. Mesmo xa ao final me convidaban a unha cervexa sen alcol. A intervención de Néstor Rego, e a raíz de aí o de Ministerio de Exteriores, foi fundamental.

—E como foi que o interrogaron en galego?
Unha cousa curiosa. Cando me chamou Néstor Rego eu estaba nas instalacións policiais. Os axentes dixéronme que puxese o altofalante do móbil. Eu pasei o móbil a un daqueles policías para que falasen con Néstor mais non sabía inglés. Frustrouse a conversa mais a min deume tempo a dicirlle a Néstor que estaba retido.

Eu quería ensinar fotos das miñas viaxes para que viran que era un viaxeiro, un turista e que por iso facía fotos, mais eles o único que me dicían era que tiña que agardar. Entón chegou unha persoa, un superior, eu supoño que dos servizos de intelixencia. Intentamos falar e eu díxenlle que non sabía falar parsi nin tampouco  inglés. Preguntoume que idioma falaba e díxenlle: “Galego-portugués”, expliquei que era da Galiza, un país perto de Portugal onde falabamos o mesmo idioma. Entón cadrou que el sabía portugués porque estivera no Brasil. E así fomos quen de falar. Unha boa anécdota que amosa que o galego si é útil, até nas situacións máis insospeitadas.

—Ficou libre e xa puido voltar á Galiza.
A miña familia e os meus amigos desde un primeiro momento falaron cos medios de comunicación sobre a miña situación, e tamén con Néstor e Carme [Da Silva, senadora do BNG]. Foi providencial a chamada de Néstor, en serio. O Ministerio de Exteriores entón moveuse. Tamén me chamaron de subdelegación do Goberno e da Xunta da Galiza.

—Como percibiu a situación de Irán durante esas dúas semanas polo país?
É un país polarizado, creo. A xente é moi amábel e gosta de falar cos visitantes estranxeiros. Teherán é unha cidade moi aberta. A xente moza, as rapazas, non levan o pano na cabeza, van co pelo ao ar. Eu creo que se comparamos con Emiratos Árabes ou países dese estilo, en Irán a muller está máis integrada. Outra cousa é que en Occidente haxa un discurso no que Irán é o demo. Eu falei cun español que daba aulas na Universidade, levaba 10 anos alí, e a maioría do seu alumnado eran mulleres. É un país que está mudando e vai continuar a mudar, non sei cara a onde, pero vai mudar, sen dúbida.

—E como cre que pode evoluír o conflito, nomeadamente após o ataque de Estados Unidos?
Non sei que pode pasar. Pero Israel debe de ter unha quinta columna interna no Irán. Mataron altos cargos e tamén os que os sucederon nos postos. Non sei se Irán terá capacidade de responder a todos os ataques que recibe. Israel e EUA van por todas.

—Ten xa preparada outra viaxe?
Eu viaxo moito, hai pouco estivera en Etiopía, antes por Vietnam… Gostaría voltar a Irán. E, non sei, quizás tamén voltar a Estados Unidos, gustaríame, pero non sei se tal como están as cousas tería problemas para entrar.